CULTURA

Sumrrá e un concerto da Banda Municipal no programa musical da fin de semana

24/01/2014 Esta fin de semana temos dúas citas musicais na nosa programación habitual. A primeira será este sábado dentro do ciclo Sons’ 14 Jazz co trío galego Sumrrá. O domingo teremos o habitual concerto coa Banda Municipal de Música. Ambas citas son no Teatro Principal.

En pleno proceso de xestación do seu quinto álbum, Sumrrá acomete a gravación audiovisual dunha xornada ao vivo. O xenuíno trío de jazz galego documentará o seu paso polo Teatro Principal de Compostela, para deixar inmortalizada unha noite máxica e única, coma todas as citas Sumrrá. O sábado, 25 de xaneiro, Sumrrá inmortalizados, ao vivo, en Compostela...

Por outra banda, A Banda Municipal de Santiago ofrece domingo o seu habitual concerto no Principal. Nesta ocasión, baixo o nome La veu de la trompeta e con Jesús Iglesias como trompeta solista e Casiano Mouriño como director. Precisamente, neste concerto estrearase un pasodobre de Mouriño, San Lorenzo de Nogueira, peza que dedica á súa vila natal no concello de Meis (Pontevedra).

Ademais doutras pezas, interpretarán por primeira vez La veu de la trompeta, de F. Ferrán, e Fantasía sobre cancións galegas, de D. Costa. La veu de la trompeta é unha peza melodiosa para trompeta e banda. Por unha petición do concertista e pedagogo da trompeta Luís Andrés Faus ao autor, Ferrer Ferrán compón e dedica ao seu pai (trompetista) esta peza que en forma de balada e bolero transpórtanos aos anos 60. Esta obra foi estreada o 23 de xuño de 2007 no Auditorio Florida de Paiporta (Valencia). Fantasía sobre cancións galegas é unha obra de carácter galego, dividida en tres seccións ben diferenciadas, que utiliza cantos galegos compilados nos célebres cancioneiros de Casto Sampedro e Jesús Bal y Gay, e unha muiñeira que o propio autor coñeceu nos seus primeiros anos de estudo. Esta obra foi estreada o 30 de setembro de 2011 como obra obrigada na terceira sección no XI Certame Provincial de Bandas de Música "Deputación de Pontevedra".

Para a Banda a entrada é libre e para Sumrrá poden mercarse as entradas, a 7 euros anticipadas e 9 euros o día do concerto, no despacho de billetes do Principal, (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), ademais de en A Reixa Tenda.

Compartir: