CULTURA

Chega a Compostela "En construcción", dirixida por Tristán Ulloa

24/01/2014 Este domingo 26 chega a Compostela unha das sorpresas da temporada teatral: En construcción. Escrita e protagonizada por Carolina Román e Nelson Dante, trátase da primeira obra que dirixe Tristán Ulloa e está organizada dentro do ciclo Teatro & Danza. Poderá verse a partir das 20:00 horas no Auditorio Novagalicia Banco.

En construción é un texto que combina o humor (as diferenzas de costumes), a crónica crítica (as sucesivas humillacións, os traballos cada vez peores), a alegría (os brotes de solidariedade, como un sol repentino) e unha melancolía crecente, que alcanza a súa culminación na preciosa escena da última conversa telefónica, co toque conmovedor do gato chinés.

Están moi ben perfilados eses dous amantes que se adoran pero non poden vivir xuntos: Sole, sensata e endurecida porque hai que adaptarse para saír adiante e manter a unha filla, e Pablo, empeñado en non renunciar aos seus soños. Poderosamente interpretados, con sutileza e verdade, polos propios autores.

Tristán Ulloa, que debuta na dirección, demostra unha man moi afiada no ton íntimo, e sabe facernos ver en cada salto no tempo a exacta situación emocional de ambos, cousa nada sinxela. Os diferentes espazos están suxeridos pola escenografía mínima, case espida, de Alexandra Alonso, estupendamente complementada polas luces de Eduardo Chacón e as imaxes, filmadas por David Ulloa e Daniel Ortega, dun Madrid tan invernal, belo e inhóspito como o de Los Ilusos, de Jonás Trueba.

As entradas, a 14 € no patio de butacas e 12 € no anfiteatro, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas); en Novagalicia Banco (entradas.novagaliciabanco.es ou 902 434 443) e no propio Auditorio de Novagalicia Banco o domingo dende ás 18:00 horas.

Compartir: