EDUCACIÓN

Ferradura Aberta: a oferta lúdica continúa

20/07/2006 Despois de dez días, continúan as actividades de Ferradura Aberta, que se prolongarán ata o venres 28 de xullo no Paseo da Ferradura. Unha media duns 700 rapaces están a participar cada día no programa, aberto a rapaces e rapazas de dous a catorce anos, con eventos específicos para cada grupo de idade. De luns a venres, a partir das 17:00 horas, a cita segue a ser obrigada na Alameda.

Para a xornada do xoves 20 de xullo, as actividades extraordinarias previstas son unha miniacampada, un espazo solidario coa Asociación galega para a axuda de enfermos con demencia tipo Alzheimer (AGADEA), obradoiros e xogos con lingua, carreiras de orientación, un obradoiro de maquillaxe, paseos no tren turístico e un obradoiro de ciencia divertida. Xa para o venres 21, ademais de repetir algunha das anteriores, haberá unha sesión didáctica sobre campismo e karaoke.

Ademais destas actividades extraordinarias, nenos e nenas poden participar nos xogos e obradoiros que se celebran cada día. Aprender a facer cestos con vimbio, armar albumes de fotos ou tapas no taller de encadernación ou traballar co papel son algunhas das opcións. Para os máis inquedos non falta espazo para o deporte: esgrima, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa, rochódromo e tiro con arco.

Os máis pequenos tamén teñen unha ampla gama de xogos á súa disposición. E os pais non teñen que preocuparse, xa que hai un espazo para eles, onde poden descansar, coñecerse e agardar a que os seus fillos rematen a diversión.

Compartir: