CULTURA

A maxia de Martín Varela e o teatro para bebés de Caramuxo en Infantil & Familiar

24/01/2014 Esta fin de semana están programados dous espectáculos dentro do ciclo Infantil & Familiar aos que acudir cos máis pequenos da casa. O sábado, poderemos ver o espectáculo de ilusionismo do novísimo mago Martín Varela, que presenta Manifesto no Auditorio de Galicia ás 19:30 horas. O domingo haberá teatro para bebés con Caramuxo Teatro, que ofrecen de novo Glub, glub tras o éxito obtido en anteriores ocasións. Será na Zona C con dúas funcións, ás 17:00 e ás 18:30 horas.

O ilusionista Martín Varela presenta Manifesto, un espectáculo para gozar en familia. Tras a xira de "15 ilusións para unha noite" e as numerosas aparicións na Televisión de Galicia, chega Manifesto. Un espectáculo no que calquera espectador que pense ver unha representación de maxia convencional verase sorprendido por unha posta en escena totalmente fresca, rompedora e sorprendente. Aparicións, desaparicións, transformacións e teletransportacións de persoas, seres mitolóxicos, animais e mesmo espectadores!

Martín compartirá co público a súa visión da maxia, da beleza e da arte. Dende o instante no que o espectador entra no teatro, a iluminación, o son, a música, o vestiario, os efectos especiais e os números nunca vistos farán que respire unha atmosfera máxica que o levará a través dunha viaxe cargada de imaxinación, creatividade e emoción.

Martín Varela (Ferrol, 1996) estivo fascinado desde neno polo mundo do espectáculo, pero non tiña definida cal sería a súa decisión final... Tras ver diversos espectáculos de maxia, con 9 anos comeza a súa fascinación pola maxia e aos 11 realiza as primeiras actuacións ata chegar a Luar da TVG (2011-2012), e estrea 15 ilusións para unha noite, que será o primeiro espectáculo de gran formato en xira. Entre as súas fontes de inspiración artística destaca a inspiración na pintura, na teoría teatral, na danza e na música que fan que nos seus espectáculos se goce á maxia desde outro punto de vista. Manifesto é a súa produción máis ambiciosa.

Glub, glub
Caramuxo Teatro presenta de novo o que fora o primeiro espectáculo de teatro para bebés realizado en Galicia. Unha montaxe para nenos de 6 meses a 3 anos acompañados por adultos. Glub, glub conta a historia da amizade entre un barquiño de papel afundido no fondo do mar e un peixe xoguetón. Unha montaxe chea de estímulos e cunha linguaxe sinxela, case xestual que introduce aos máis novos nunha aventura fantástica e sorprendente. Unha oportunidade para gozar cos fillos da primeira viaxe polo mundo do teatro.

Venda de entradas
As entradas de Martín Varela, a 10 euros (8 € para menores de 14 anos e desempregados) poden mercarse no Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas), en Novagalicia Banco (entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443) e no Auditorio de Galicia o propio sábado dende as 18:00 horas. As de Glub, glub están á venda no Teatro Principal e na propia Zona C a un prezo de 5 € (ou entrada familiar mediante a cal se mercan catro entradas ao prezo de tres).

Compartir: