NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Nove equipos e 75 estudantes competirán na fase comarcal do III Club de Debate

23/01/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi a fase comarcal do Club de Debate 2014, acompañada polos concelleiros de Normalización Lingüística de Ames, Eugenia Martín, e de Teo, Carme Hermida. Tamén se inclúen os concellos de Carballo e Rois nesta fase comarcal, a de maior participación no certame, xa que terá nove equipos, formados por un total de 75 estudantes.

O 16 de xaneiro asinouse en Ferrol a II addenda ao protocolo de colaboración mediante o que vén organizando o Club de Debate desde o curso 2011-20120. Cada un destes novos acordos confirma a participación dos concellos na organización do programa e, en cada caso, engade aqueles que se incorporan. Asemade determina as zonas de competición que vai haber na edición e quen acollerá a final, xunto coa súa data e tema.

Os concellos que organizan esta III edición conxunta van ser oito: Ames, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade nesta edición), Pontevedra, Rois, Santiago e Teo. A participación prevista é de 22 equipos e un total de 178 rapaces e rapazas (os equipos necesariamente teñen que ser mixtos) de 16 centros educativos.

O primeiro ano acolleu a final Pontevedra, o segundo Santiago e este terceiro tócalle a Ferrol, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega. O tema escollido para a fase final desta III edición é "Pódese vivir en galego" e a competición será o 26 de abril.

Para chegar a esta final, previamente desenvolveranse as catro fases comarcais, de cada unha das cales se clasificarán dous equipos. A zona de Santiago fórmana Ames, Carballo, Rois, Santiago e Teo. Cada un dos equipos está dirixido por un preparador ou preparadora, xeralmente profesores do centro, que guían os procesos de documentación e tamén de práctica previas.

Por Santiago competirán tres equipos, dos IES Rosalía de Castro e Antonio Fraguas. Acompañaranos nesta fase comarcal catro equipos de Ames (2 centros), un de Teo e outro de Carballo. A final da fase comarcal celebrarase o 14 de marzo no salón de plenos do Concello de Teo.

Xornada de formación
Tanto os preparadores como os membros dos equipos desta fase comarcal de Santiago están convocados a unha xornada de formación o 4 de febreiro en Ames, no pazo da Peregrina, de 9:30 a 13:30 horas, na que coñecerán polo miúdo o regulamento do Club de Debate e, polo tanto, as posibilidades e limitacións do desenvolvemento de cada sesión. A xornada, que tamén servirá para repasar e practicar habilidades comunicativas útiles para os debates, será a primeira ocasión para que os equipos se coñezan e interactúen poñendo en práctica un dos obxectivos do programa: a creación de contextos favorables ao uso da lingua galega.

Será nesta xornada de formación cando a organización e os preparadores fixen o tema do debate comarcal. En calquera caso, será un tema de interese e/ou actualidade para a mocidade e non necesariamente relacionado coa lingua, porque este aspecto xa se aborda no tema da final.

A lingua galega si estará presente en todo o demais, como corresponde a un programa que procura favorecer o seu uso por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego será o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, mellorarán a súa capacidade de síntese ou a súa oratoria, todos eles obxectivos do proxecto. E tamén será a ferramenta coa que se pretende promover o pensamento crítico e analítico ou fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo.

Na fase comarcal, os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural, educativo ou deportivo valorado en 500 e 300 euros. O equipo que consiga a vitoria na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe-convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que poida tamén poñer en práctica o idioma para coñecer novos aspectos da súa realidade.

Compartir: