ALCALDÍA

O aeródromo militar de Santiago de Compostela manterase "aberto e activo" durante todo o ano

22/01/2014 O Concello de Santiago, a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela manifestaron a súa satisfacción pola decisión acordada polo Ministerio de Defensa de manter "aberto e activo" o aeródromo militar de Santiago.

A desactivación durante a maior parte do ano do aeródromo militar era unha iniciativa incluída dentro da Proposta para Racionalización e Utilización Eficiente do Patrimonio Inmobiliario do Ministerio de Defensa (PREPIDEF).

Tras as xestións realizadas polas Administracións e as solicitudes da Cámara de Comercio, a Dirección Xeral de Infraestruturas e o Exército do Aire idearon unha alternativa para compaxinar o aforro de custos, o interese manifesto dos empresarios e a sociedade compostelá e a operatividade das Forzas Armadas.

Segundo esta alternativa, aprobada xa oficialmente, o Exército do Aire non abandonará "en ningún momento do ano" o aeródromo militar, garantindo a posibilidade do seu uso continuado, e acometerá unha redución de persoal axustado ás necesidades operativas da infraestrutura.

O aeródromo militar considérase un enclave estratéxico para a cidade e o xerme da actual infraestrutura aeroportuaria. Este aeródromo é o único aeroporto militar do noroeste peninsular, referente principal nas operacións militares do Atlántico e o Cantábrico, lugar de apoio aos exércitos aliados, punto de referencia e saída para os voos a América e base de estacionamento e operatividade de avións contra incendios en Galicia.

Compartir: