INFRAESTRUTURAS

Aberta de novo ao tráfico a estrada de San Lourenzo

20/07/2006 A renovada estrada de San Lourenzo xa está aberta ao tráfico. Instalada a sinalización vertical e habilitados os pequenos aparcadoiros para os veciños da zona, o vieiro xa permite de novo aos automóbiles desprazarse dende a rotonda do Clínico ata Poza de Bar.

A rúa, de 840 metros de longo, quedou con dous amplos carrís de 3,5 metros de ancho cada un. A velocidade está limitada a corenta quilómetros por hora e o Concello contempla a posibilidade de instalar un radar nesta vía para controlar esta circunstancia.

Hai que ter en conta que un dos principais obxectivos da actuación nesta estrada é recuperala tamén para o uso dos peóns. Quedan dúas beirarúas de 2,5 metros de ancho a cada lado, dotadas de elementos de seguridade e equipadas con columnas de luz, farois decorativos e árbores. Polo de agora, unicamente está utilizable a beirarrúa dereita (en dirección a Poza de Bar), á espera de rematar os traballos.

A apertura desta vía permitirá desconxestionar o tráfico de entrada á cidade por Mestre Mateo. Xa antes da reforma, a estrada era utilizada por uns 5.000 vehículos cada xornada.

Compartir: