OBRAS

As deficiencias nas obras de reparación das calzadas do Ensanche serán emendadas polas empresas sen custo para o Concello

21/01/2014 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que se detectaron varios desperfectos nas obras de reparación da calzada que se viñeron realizando en varias rúas do Ensanche, polo que se emprazou ás empresas que as realizaron a resolver estas deficiencias. Indicou que estas empresas se comprometeron a executar estas novas reparacións sen custo ningún para o Concello.

Entre as posibles causas destas fochancas detectadas a pouco de rematarse as obras, a concelleira apuntou a dosificación inadecuada dos materiais de asfaltado, a mala calidade destes materiais ou a execución dos traballos en situacións de malas condicións meteorolóxicas. Aprécianse fochancas nas rúas San Pedro de Mezonzo, Frei Rosendo Salvado, Fernando III O Santo, República do Salvador, A Rosa e Santiago León de Caracas.

Indicou que, nun primeiro momento, se taparán as fochancas existentes. Logo, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan, levantaranse completamente os panos, fresando e colocando novamente o aglomerado. As obras realizaranse en horario non comercial.

Programación de obras
Na mesma rolda de prensa, María Pardo deu conta tamén do calendario de traballos previstos nas beirarrúas de Santiago de Chile, República Arxentina e Doutor Teixeiro. O calendario é o seguinte:

- Santiago de Chile: tramo entre República Arxentina e A Rosa, do 20 de xaneiro ao 9 de febreiro; tramo entre República Arxentina e Frei Rosendo Salvado, do 3 ao 16de febreiro; e tramo entre Frei Rosendo Salvado e praza de Vigo, do 9 de febreiro ao 3 de marzo.
- Doutor Teixeiro, tramo entre a praza de Galicia e República do Salvador, do 3 ao 23 de febreiro.
- República Arxentina, tramo entre Fernando III O Santo e Romero Donallo, en execución ata o 2 de febreiro.

Novas actuacións
Finalmente, a edil anunciou novas obras no Ensanche. En concreto, a seguinte fase, a quinta, consistirá na reparación das calzadas das rúas República Arxentina, Santiago de Chile e Doutor Teixeiro. A sexta fase destinarase a adecuar varias rúas do Ensanche en materia de accesibilidade.

Compartir: