DEPORTES

A Concellería de Deportes programa máis de 70 eventos en 25 disciplinas para o ano 2014

21/01/2014 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, avanzou boa parte da programación do seu Departamento para este exercicio 2014. Son máis de 70 eventos en máis de 25 disciplinas, con especial protagonismo para o atletismo ou o ciclismo, pero dando cabida tamén a diversas modalidades minoritarias.

Segundo Adrián Varela, neste 2014 darase continuidade á aposta polo fomento do deporte federado, recreativo e saudable. Na programación teñen o seu espazo deportes individuais e colectivos, maioritarios e minoritarios. A isto súmase o obxectivo de dinamizar a cidade a través de eventos deportivos de relevancia.

Entre as modalidades con maior número de eventos programados está o atletismo, con 16 probas. Entre elas figuran as do CorreSan, un circuíto de carreiras xa consolidado que este ano chegará tamén ao rural, cunha proba en Angrois, percorrendo a Vía da Prata. Tamén se realizará unha carreira no entorno de Salgueiriños ou de Conxo.

Esta aposta municipal pola promoción do atletismo foi recoñecida pola Federación Galega de Atletismo, que este mesmo venres entregará unha distinción ao Concello na súa gala anual en Monforte de Lemos.

Tamén o ciclismo terá un protagonismo especial en 2014, con 15 eventos xa programados. Entre eles destaca por riba de todos a finalización da Volta a España cunha etapa cronometrada en Santiago de Compostela.

O concelleiro puxo este evento ciclista como exemplo das actividades deportivas coas que se logra "dinamizar" a cidade. Citou tamén outras competicións previstas para este 2014, como o Campionato de España de Grupos Show de patinaxe, que reunirá máis de 700 participantes no Multiúsos Fontes do Sar. Eventos destacados serán igualmente o Rally Botafumeiro, recuperado e adiantado ao mes de maio; a I Media Maratón ou a Volta a Galicia, entre outros.

Outra vertente destacada por Adrián Varela é a do deporte familiar, materia na que anunciou a celebración dunhas xornadas en febreiro e marzo no pavillón de Lamas de Abade. Tamén indicou que se retomarán os campamentos deportivos municipais, incluíndo este ano unha oferta de iniciación á vela de marzo a xullo.

Primeiros auxilios
Noutro ámbito, apuntou que este ano se realizará un plan de formación en primeiros auxilios para todos os técnicos encargados da apertura das instalacións municipais. Ademais, mercaranse os primeiros cinco desfibriladores para outros tantos equipamentos municipais.

Investimentos
En materia de investimentos, apuntou que as prioridades serán o campo de fútbol de Conxo, a remodelación do da Almáciga e a habilitación dunha sala de usos múltiples no pavillón de Fontiñas, a falta dalgún outro proxecto por concretar. A isto sumarase un importante investimento no mantemento das 22 instalacións municipais.

Compartir: