RELACIÓNS VECIÑAIS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Imos ao baile" propón 27 sesións con orquestra en 13 localizacións para este 2014

21/01/2014 O programa Imos ao baile, da Concellería de Centros Socioculturais e Relacións Veciñais, continúa neste 2014 cun novo calendario de bailes con orquestra destinados sobre todo aos nosos maiores. Desta vez celebraranse 27 bailes (o mesmo número que en 2013) en 13 localizacións diferentes. Estímase unha participación de 2.700 persoas.

A Concellería segue a desenvolver iniciativas en prol do envellecemento activo. Unha delas é este programa de bailes, que nesta ocasión trae 27 sesións, a celebrar en 13 espazos escollidos por razóns de localización, demanda sociocultural e oportunidade entre os diversos centros e locais da rede sociocultural, aos que se suma tamén a Casa das Asociacións de Cornes. Como novidade, este ano incorpórase como localización o CSC do Castiñeiriño.

Imos ao baile arrancará o primeiro sábado de febreiro na Casa das Asociacións de Cornes e finalizará o 20 de decembro no Centro Sociocultural de Vite. Agás no mes de xullo, programáronse bailes todos os meses de 2014. A entrada é libre e de balde e, salvo excepcións, os bailes darán comezo as 17:30 horas.

Dende Centros Sociocultural lémbrase que esta programación de bailes con orquestra responde á demanda dos propios maiores aos beneficios saudables que reporta, tanto físicos como psíquicos. Por unha banda, afecta de maneira moi positiva á coordinación, aos músculos -fortalecéndoos e mellorando a súa flexibilidade, forza e resistencia-, á saúde postural e ao sistema cardiovascular, facilitando a circulación do sangue e o ton da pel. Por outra, no eido psíquico, o baile favorece a socialización, a relaxación, a autoestima e a confianza, pois está comprobado que bailar fomenta a confianza nun mesmo e a claridade de pensamento).

Participan da proposta un total de 13 grupos musicais diversos, ben recoñecidos polo seu traballo neste ámbito e que gozan dunha boa acollida entre os usuarios deste programa habitual xa na rede de centros socioculturais.

Imos ao baile pretende ser un convite a participar e gozar na compaña doutros veciños e veciñas de Compostela en espazos relacionais como son os centros socioculturais da zona urbana e das parroquias e a Casa da asociacións de Cornes.

Compartir: