TURISMO

Área Santiago quere converter a pesca deportiva nun atractivo turístico da zona

20/01/2014 Os técnicos do grupo Área Santiago mantiveron no edificio Cersia unha xuntanza na que participou o escritor e xornalista Miguel Piñeiro, un dos mellores expertos de Galicia na pesca deportiva e os seus vínculos co turismo. A participación de Miguel Piñeiro foi suxerida polo Concello de Melide, co obxectivo de continuar desenvolvendo un proxecto turístico centrado nos recursos cos que conta a zona para a pesca deportiva.

Segundo Miguel Piñeiro, hai varios factores que poden posicionar a Área Santiago como un referente para a pesca deportiva: a calidade das augas, a paisaxe e o entorno, a diversidade de especies, a oferta de actividades culturais e de ocio complementarias... Non obstante, o proceso de consolidación de Área Santiago como referente turístico na pesca deportiva tería que facerse por fases, captando primeiro ao público galego, logo ao español e finalmente ao internacional.

Segundo o experto, a creación dunha oferta con capacidade para competir no mundo da pesca deportiva pasa por ofrecer aos potenciais usuarios paquetes personalizados que inclúan a tramitación dos permisos de pesca, a presenza dun guía coñecedor dos ríos, material de pesca, aloxamento e comidas, e actividades de ocio para os seus posibles acompañantes.

O Grupo Área Santiago estableceu, a proposta do Concello de Teo, que un dos proxectos principais que tentará desenvolver será: "A pesca como recurso turístico". Pártese de dous feitos: por unha banda, o territorio do grupo está fondamente marcado por dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, así como polos seus afluentes; por outra, a pesca ten demostrado noutros territorios, como Canadá, Irlanda, ou países do leste de Europa, que pode ser un recurso turístico con grande atractivo.

Área Santiago constituíu hai meses unha comisión específica, composta polos concellos de A Estrada, Ames, Santiago, Teo, Touro e Val do Dubra, para desenvolver un proxecto sobre turismo fluvial, vinculado especialmente á pesca deportiva, aproveitando os ríos que pasan polos diferentes concellos. A participación do experto Miguel Piñeiro enmárcase dentro do traballo que o grupo está desenvolvendo neste ámbito.

O río Ulla é, por lonxitude e caudal, o terceiro río en importancia de Galicia. Ten una lonxitude total de 132 quilómetros. A segunda conca fluvial en importancia da Área Santiago é a do río Tambre cunha lonxitude total de 134 quilómetros e con dous afluentes salientables como son o Dubra (15 Km) e, sobre todo, o río Lengüelle (27 Km). Tamén o río Umia pasa polo Concello da Estrada.

Área Santiago está formada por: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Trátase dun grupo de traballo para potenciar conxuntamente o sector turístico na zona. Os concellos suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Compartir: