BENESTAR SOCIAL

O Multiúsos do Sar acolleu unha festa solidaria a prol do Banco de Alimentos

19/01/2014 A Concellería de Benestar Social e o Multiúsos Fontes do Sar organizaron un evento con fins benéficos no que ás actividades infantís do Multixogo se sumou unha maratón extraordinaria de zumba para toda a familia. Para acceder á festa solidaria tan só era preciso realizar na entrada ao recinto unha achega dun quilo de alimentos (non caducados, que non superaran a data de consumo preferente, e debidamente etiquetados). Finalmente participaron 300 persoas e xuntáronse 500 quilos de alimentos, que irán destinados ao Banco de Alimentos de Santiago.

O vestíbulo do Multiúsos Fontes do Sar acolleu as xa habituais actividades do evento infantil Multixogo, enfocadas a rapaces de ata 12 anos de idade. Os nenos e nenas puideron gozar ao máximo un domingo máis cos inchables, camas elásticas, manualidades, dardos, futbolíns, tenis de mesa e outras moitas actividades deportivas programadas.

Ademais, celebrouse unha gran maratón de zumba, o programa de exercicios de baile inspirados na música latina que tanto éxito ten na actualidade. A clase extraordinaria tivo lugar na pista central do recinto durante dúas horas, entre as 17:00 e as 19:00 horas, e nela participaron tanto nenos como os adultos.

A clase estivo dirixida por catro profesores con certificado de zumba e cunha importante traxectoria no mundo do fitness: Ana Martínez e Ana Fernández, monitoras de actividades dirixidas no Multiusos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel; e Marcelino Fernández "Seluco" e María Dolores Brea, ambos instrutores na zona de Muros.

Compartir: