TURISMO

A música e as curtametraxes toman a Praza do Toural

19/07/2006 O xoves 20 de xullo, a partir das 22:00 horas, a Praza do Toural énchese de música e cine en curta. Comeza o programa CurtoCircuíto na Rúa’06 que cada xoves converterá unha prazas tradicionais de Compostela nun lugar de encontro para poder gozar de proxeccións e música a cargo de recoñecidos DJ’s. Unha festa de son, luces e cinema aberta a tódolos veciños e visitantes.

Nesta primeira sesión, a música correrá a cargo de Los Jordanairs, formación composta por DJ Lord Keison e Franky, un turntablist e un trompetista que se dedican a moito máis que poñer discos e tocar a trompeta. Mesturan as últimas tendencias do hip-hop con melodías jazz e ofrecen un son cool, funky e fluído.

En canto ás curtas, proxectaranse "Retruc", de Francesc Talavera; "Alright Love", de Ernst Ganzert; "Tadeo Jones", de Enrique Gato; "Te quiero mal", de Mireia Giró; Out of nowhere", de Diego Santomé, "Binta y la gran idea", de Javier Fesser; e "A boneca gravada", de Pedro Sardina.

Concurso de Fotografía

Con CurtoCircuíto na Rúa arrinca tamén o Concurso de Fotografía Dixital, que forma parte do programa. A súa temática céntrase nas propias actividades do Festival. A data de remate do mesmo é o 24 de outubro, e o fallo do concurso coñecerase o 27 dese mesmo mes.

Os premios son tres: un primeiro, que consistirá nunca cámara de fotos profesional; un segundo, consistente na estadía dunha fin de semana nun Balneario galego, e o terceiro premio será unha cámara fotográfica original.

Compartir: