EDUCACIÓN

Uns 900 escolares fan uso cada día dos servizos de comedor e de madrugadores

16/01/2014 O Concello de Santiago de Compostela xestiona, por segundo ano consecutivo, o servizo de comedores e madrugadores en nove centros educativos da cidade. 653 rapaces e rapazas fan uso do servizo de comedor cada día e outros 199 participan na oferta de madrugadores. A concelleira de Educación, María Castelao, quixo compartir a xornada de mediodía cos nenos e nenas do CEIP Ramón Cabanillas.

O servizo de comedor e madrugadores funciona durante este curso 2013-2014 en nove centros de ensino públicos, coas seguintes medias de asistencia: Apostólo Santiago (30 no servizo de comedor e 4 no de madrugadores), Cardeal Quiroga Palacios (94 e 27), As Fontiñas (120 e 35), Roxos (61 e 19), Vite (32 e 8), Mestre Rodríguez Xixirei (30 e 4), Monte dos Postes (126 e 50), Raíña Fabiola (50 e 13) e Ramón Cabanillas (110 e 28). No caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa só se realiza servizo de madrugadores, coa asistencia diaria de 11 nenos e nenas). En total, asisten de media aos comedores 653 nenos e fan uso do servizo de madrugadores outros 199.

Obradoiros
A concelleira aproveitou tamén para presentar tres obradoiros que se realizarán entre os usuarios destes servizos nos vindeiros meses. O primeiro deles titúlase A mesa restaurante e está deseñado para mostrar aos nenos a importancia de saber comportarse axeitadamente nun momento social, e para que aprendan a transmitir unha serie de actitudes e valores que facilitan a convivencia.

Por todo o que o seu ámbito comporta, a mesa é en si un espazo de ensino de bos costumes. A través do comportamento na mesa, no xeito de conducirse, de comer e de beber, pódese apreciar a educación da persoa. Saber como comportarse na mesa apréndese dende a infancia, adquirindo hábitos que, unha vez arraigados, se fan propios. Por iso, dende Serunión, a empresa adxudicataria do servizo, preténdese que os nenos e nenas que asistan cada día aos comedores escolares teñan a oportunidade de aprender esta serie de bos modais que lles axuden ao longo da súa vida a favorecer as súas relacións sociais.

O segundo obradoiro leva por título Redución de ruídos. Os seus obxectivos son:
- Discriminar a variedade de sons que interfiren no comedor.
- Fomentar a participación dos propios nenos e monitores para rebaixar o nivel de ruído no comedor.
- Experimentar e valorar a molesta sensación de comer e comunicarse con excesivo ruído no comedor.
- Avaliar positivamente o silencio e as sensacións que nos achega: tranquilidade, relaxación, posibilidade de conversar, etc.

Tamén se realizará o obradoiro O horto. Situarase nos comedores un pequeno horto para traballar cos nenos, que poderán ver como é o desenvolvemento dunha planta, os coidados necesarios, os seus froitos...

Compartir: