NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Máis de 150 mozos e mozas de oito concellos participarán na 3ª edición do Club de Debate

16/01/2014 O Club de Debate ponse en marcha de novo cunha terceira edición organizada polos concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Nun acto celebrado na Casa do Concello de Ferro, asinouse a Addenda ao protocolo de colaboración para o desenvolvemento deste Club de Debate, un programa de promoción do uso da lingua que organizan os servizos de normalización lingüística dos concellos citados.

A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, desprazouse a Ferrol para asinar esta addenda, subscrita tamén polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e polos concelleiros de Normalización Lingüística de Ferrol, Martina Aneiros; de Pontevedra, Demetrio Gómez; do Carballiño, Pilar M. Caride; de Ames, Eugenia Martín; de Rois, Victoria Quiroga; e de Teo, Carme Hermida.

Este proxecto, que tivo como antecedente unha iniciativa do Concello de Pontevedra, leva xa dúas edicións organizadas conxuntamente por varios concellos que, como noutras ocasións, asumen a responsabilidade que lle atribúe á Administración local o Plan Xeral de Normalización Lingüística no seu cumprimento. Esta organización conxunta e coordinada dos oito concellos proporciónalle á actividade un carácter máis global, ao comprender unha fase de competición de carácter comarcal e outra a nivel galego, cunhas bases xerais comúns.

O Club de Debate diríxese a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización da nosa lingua, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os mozos e mozas participantes traballarán principalmente as habilidades comunicativas e a oratoria, ademais de desenvolver un proceso de documentación sobre os temas dos debates, o que lles permitirá afondar en cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.

Fases e estrutura
Desenvólvese como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega, nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento. Os grupos participan en nome dun centro escolar e deben estar formados por entre 4 e 10 membros de 3º, 4º de ESO ou 1º de Bacharelato. Cada equipo estará dirixido por un/unha preparador/a, papel que lle corresponde a un profesor ou profesora do seu centro,

A presente edición do Club de Debate conta con 22 equipos inscritos con máis de 150 mozos e mozas e 18 preparadores/as. A partir de agora, nas diferentes localidades terán lugar as xornadas de formación que se lles ofrecen aos participantes co fin de lles dar a coñecer as normas, tempos e estrutura, así como a dinámica de funcionamento do certame, favorecendo a posta en situación por parte dos membros dos equipos

Os temas dos debates locais e comarcais son seleccionados contando coas propostas dos centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua ou con outros asuntos de actualidade. O tema da final galega desta edición será: "Pódese vivir en galego". Así quedou fixado na addenda que asinada, que tamén recolle o calendario das diferentes fases da competición e a cidade que acollerá a final galega., que será Ferrol. Este debate final celebrarase o 26 de abril no Teatro Xofre.

As competicións locais ou comarcais organízanse en función do número de equipos inscritos. Delas sairán seleccionados os dous equipos de cada comarca ou localidade que asistirán á competición final. A fase final contará con oito equipos, dous por cada unha das catro zonas establecidas: Santiago de Compostela, Ames, Rois, Teo e Carballo; Pontevedra; O Carballiño e Ferrol.

Cada un dos equipos campións comarcais/locais recibirá tamén un premio valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo valorado en 300 euros. O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana para un máximo de 20 persoas nun espazo de interese natural e cultural de Galicia.

Compartir: