XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba unha nova fase do programa Compostela Actúa

16/01/2014 A Xunta de Goberno aprobou unha nova fase do programa Compostela Actúa, organizado pola Concellería de Xuventude, que entra na etapa de ensaios unha vez realizados os castings. Na sesión ordinaria tamén se acordou a solicitude de diversas axudas para programas de emprego e de benestar social.

Destínase unha partida de 11.979 euros a este programa Compostela Actúa, cuxa fase de ensaios se desenvolverá ata o remate do curso escolar. Nos castings, realizados a finais de novembro, participaron 108 persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

Compostela Actúa é un programa de dinamización das artes escénicas e musicais. Con esta iniciativa quere ofrecerse alternativas divertidas e formativas no ámbito da música e da escena, fomentando a creatividade dos mozos e mozas de Santiago. Os seleccionados poderán participar en tres tipos de actividades: Glee Club, grupo de teatro 4º Parede e Instrumentals.

O obxectivo do Glee Club é formar un coro de adolescentes, mentres que o grupo de teatro 4ª Parede ensinará aos mozos a actuar e faraos sentir actores e actrices interpretando obras de diversos xéneros. En Instrumentals, os mozos e mozas aprender tocarán algún instrumento no seo dun grupo musical.

Cada actividade estará formada por un máximo de 12 participantes que deberán ensaiar dúas veces por semana cun mestre que os formará na dinámica e na temática do taller ao que asisten. Estas tres propostas desenvolveranse dende este mes de xaneiro ata o remate do curso escolar. Pero a intención é que o programa teña continuidade no tempo. Organizaranse representacións e concertos co fin de dar a coñecer o traballo realizado ao longo dos meses en cada unha das actividades.

Emprego
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude dunha subvención á Consellería de Traballo e Benestar para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2014. A achega servirá para sufragar, ata un máximo de 20.000 €/ano, os gastos de retribución e de Seguridade Social do persoal contratado para estes fins.

Tamén se solicitará unha subvención ao mesmo departamento autonómico para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a desempregadas. As especialidades para as que se demandan son: electricidade, redes de auga, climatización, recursos humanos, homologación e tratamento de datos e eficiencia enerxética de edificios. Esta subvención afrontará os custes destes cursos ao 100%.

Benestar Social
Xa no eido de Benestar Social, deuse conta da aprobación pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión da asignación de transferencias finalistas correntes para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios, por importe de 117.277 euros. Permitirá a contratación dunha educadora social e de dez traballadores sociais.

Igualmente, informouse do abono de dúas subvencións concedidas pola Deputación Provincial da Coruña: unha de 44.500 euros para o Programa Socioeducativo de Rúa e outra de 6.000 euros para o programa Mente Activa.

Documentos relacionados



Compartir: