FESTAS

Leilía presenta o espectáculo "Cantar ao vivo", creado especificamente para as Festas do Apóstolo

19/07/2006 Leilía presenta o xoves 20 na Quintana, 10:30 horas, un espectáculo único para as Festas do Apóstolo. Unha hora e media para goce dos sentidos a través das súas voces e pandeiretas. Para esta ocasión tan especial, as cinco compoñentes de Leilía nos están soas. Contarán coa colaboración de grandes amigos que crearán un ambiente máxico no escenario. Antón Seoane e Nando Casal (Milladoiro), Pepe Freiz e Israel Rego (Alecrín), Xosé Manuel Budiño e Eric Liorzou de Bleizi Ruth farán unha explosión de sons, luces e ritmo na Quintana.

Para estas santiaguesas é un gran orgullo e responsabilidade tocar nas Festas da cidade que as veu nacer. Para iso, organizan o espectáculo "Cantar ao vivo" onde presentarán o seu último traballo, "Son de Leilía". Segundo Montserrat Rivera, unha das compoñentes, "é a historia do grupo a nivel musical e amosa a evolución que fomos experimentando ao longo destes case dezasete anos".

A selección dos temas e dos colaboradores é moi meditada. O espectáculo será áxil e dinámico, e o espectador viaxará a través da historia de Leilía. No concerto verase a esencia deste grupo, a súa aposta porque os galegos e non galegos de hoxe rían, canten, bailen e se emocionen co legado que os maiores deixaron e teñan a súa propia proxección de futuro.

Xornada chea de actividades

Ademais do concerto que ofrecerá Leilía, a xornada do xoves 20 presenta unha gran variedade pensada para toda a familia. Ás 17:00 horas haberá unha nova xornada de Ferradura Aberta para os máis novos. Ás 19:30, a Banda Municipal de Música inundará a rúa do Vilar cos seus sons, e xa ás 20:00 horas, celebrarase o XXVIII Campionato de Chave na Alameda, no que haberá competición feminina e masculina.

Compartir: