TURISMO

Compostela e Trondheim (Noruega) afianzan a súa colaboración na promoción do Camiño de Santiago e da Ruta de San Olaf

14/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiron unha delegación da cidade norueguesa de Trondheim.

Tanto Ángel Currás como Hans Morten, responsable da Oficina de Peregrinación de Trondheim, resaltaron os vínculos que a nivel promocional se poden establecer entre o Camiño de Santiago e a Ruta de San Olaf. Ademais, o alcalde aproveitou para reiterar o seu desexo de que Santiago poida contar con algún enlace aéreo cos países nórdicos.

Cómpre lembrar que, grazas ao Proxecto Certo, entidades de catro países promocionan conxuntamente tres Itinerarios Culturais Europeos que comparten o feito de ser rutas de peregrinación con grande influencia na Idade Media: o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olaf. As entidades que participan son: Concello de Santiago, Camiños de Europa (Parma), Asociación Europea da Vía Francíxena (Fidenza), Centro Nacional de Peregrinación da Ruta de San Olaf (Trondheim) e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais (Luxemburgo).

Ademais, tanto Santiago de Compostela como Trondheim son socios da Green Pligrimage Network, unha rede internacional para a protección medioambiental das rutas e cidades de peregrinación. Actualmente, conta con 28 membros, entre os que hai representantes de Europa, Asia, América e África, e de diferentes relixións.

Compartir: