TURISMO

Área Santiago lanza a súa web turística

14/01/2014 Presentouse no Pazo de Raxoi o portal web www.areasantiago.es, que reúne a información turística dos 19 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra que integran o grupo Área Santiago. O acto contou coa presenza dos alcaldes de Santiago, Ángel Currás; Padrón, Antonio Fernández Angueira; Rois, Ramón Tojo Lens; e Silleda, Manuel Cuíña Fernández; e dos concelleiros de Turismo de Santiago, Reyes Leis; Lalín, José Antonio Rodríguez Fernández; Melide, Santos López; Padrón, Carmen Lois Ferrón; Vedra, Rogelio Lema: e Vila de Cruces, José Luis Villaverde Gestal.

En palabras de Ángel Currás, a web é só parte dos resultados visibles do traballo que desenvolven desde marzo do 2013 os 19 concellos –catro do norte da provincia de Pontevedra e 15 do sur da Coruña- reunidos en Área Santiago. Supuxo un arduo labor de recompilación e tratamento de datos e imaxes, que partiu das ferramentas on-line preexistentes de Turismo de Santiago para minimizar custes e aproveitar o know how acumulado.

Segundo o alcalde de Padrón, o obxectivo da web é presentar este territorio dunha forma conxunta, transcendendo os límites municipais, para darlles visibilidade e "presumir" de moitos recursos e atractivos que ata agora non contaban cunha axeitada presenza on-line.

Trátase dunha web trilingüe (español, galego e inglés), moi visual, con todos os recursos xeolocalizados e con mapas. Ademais dun menú temático, conta cun buscador por concellos e con navegación por etiquetas. Contén vídeos, sección de descargas de folletos e fotos, axenda cultural programada para publicar automaticamente en Twitter; ademais da información turística clásica sobre monumentos, monumentos naturais, festas, zonas de autocaravanas, aldeas con encanto, Camiños Santiago (que atravesan toda a zona) e itinerarios. Para o seu aproveitamento, www.areasantiago.es posibilita reservas on-line a través da Central de Reservas local.

O concelleiro de Turismo de Lalín fixo énfase na presenza de contidos que van apuntando "á creación de novos produtos prioritarios para a zona", como os mercados tradicionais, os produtores gastronómicos e o produto artesán local. Tamén se informa abundantemente sobre o produto estrela: a pesca e o turismo fluvial nos ríos Ulla, Deza, Tambre e afluentes; os sendeiros e outros atractivos ata agora pouco explotados do territorio.

Oito meses de traballo e logros
Currás lembrou que o Plan de Acción 2013-2015 de Área Santiago persegue obxectivos coma mellorar a información turística e a visibilidade como multidestino turístico dos 19 concellos; crear produtos que posicionen eficazmente ao multidestino e poñan en valor recursos con moito potencial -gastronomía, pesca, sendeiros, ríos, etc.-; e aumentar o número de visitantes e de pernoctacións na área.

Nestes oito meses de existencia, o grupo realizou un traballo conxunto "cunha intensidade e ilusión exemplar", desenvolvendo accións coma a incorporación das excursións pola zona de Área Santiago ao catálogo de excursións veciñais do Concello de Santiago; unha campaña de presentación en verán , a web presentada, unha aplicación móbil e un mapa turístico conxunto que serán presentados en Fitur o 22 de xaneiro ás 12:00 horas.

Ademais, Currás destacou o logro que significou que o pasado 19 setembro o Consello da Xunta aprobase a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para o Entroido dos Xenerais da Ulla, froito da promoción conxunta de oito concellos hoxe incluídos en Área Santiago: A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, a mellor testemuña do que se pode acadar coa promoción conxunta.

Compartir: