CULTURA

O Concello e Agadic poñen en marcha o Bono de Teatro Galego (e portugués) 2014

13/01/2014 Por vez primeira ponse á venda un Bono Teatro Galego (e portugués), iniciativa que foi presentada na Casa do Concello polo alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego (CDG); e José Víctor Carou, director xerente do Auditorio de Galicia. Unha oferta que pretende ser acicate para o goce dunha programación na que o público poderá escoller entre as diversas propostas que as compañías galegas e portuguesas traerán a Compostela.

O bono permitirá asistir a cinco funcións de teatro galego (e portugués) a escoller entre toda a oferta teatral galega e portuguesa programada para o 2014. No folleto promocional que estará a disposición do público nos teatros, auditorios e oficinas de turismo da cidade, inclúense os 28 primeiros espectáculos (máis de 80 representacións), que se representarán ata o mes de xuño (a programación do último cuadrimestre presentarase no mes de setembro).

As representacións serán no Teatro Principal e no Salón Teatro, ao que se suman os espazos alternativos da Zona C e a Sala Agustín Magán. E o prezo será de 35 euros, o que supón un 30% de desconto sobre o prezo habitual da entrada de 10 euros (excepcionalmente algunha das representacións pode requirir algún pequeno suplemento). Os bonos están á venda na billeteira do Teatro Principal (18:00 – 21:00 horas, de martes a sábado) e os días de espectáculo, no Salón Teatro, dende dúas horas antes da función.

Programación no Teatro Principal
E, como non, boa parte das mellores compañías galegas estarán presentes de novo neste semestre no Teatro Principal e no Salón Teatro. No Principal comezará a temporada con Da Vinci tiña razón, estrea absoluta da última loucura de Excéntricas dirixida por Quico Cadaval, que ofrecerá catro funcións do xoves 16 a domingo 19 de xaneiro. E seguirá con As do peixe, unha historia orixinal de Cándido Pazó sobre mulleres traballadoras da industria da conserva que leva a este escenario a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas (venres 31 de xaneiro). Xa en febreiro, o Principal acollerá Sede de mal, unha comedia musical sobre o lado escuro da vida protagonizada por dous coñecidos actores galegos, Xavier Deive e Luis Iglesia B. (13 e 14 de febreiro).

Na primeira fin de semana de marzo a compañía compostelá dirixida por Alex Sampayo, Redrum Teatro, presentarán os seus dous traballos teatrais, que aínda non foron estreados na súa cidade: esta presenza dobre de Redrum Teatro no Principal descubriranos unha comedia de actualidade, próxima e amable como é Amor flexible (venres 7 marzo e cun reparto encabezado por Mela Casal) e unha historia en clave de humor sobre as entrevistas de traballo titulada Curriculum Vitae (sábado 8 marzo). O mes de marzo rematará no Principal coa estrea absoluta de Avestruz en terra allea, unha obra de Paula Carballeira e Berrobambán, unha interesante oportunidade de ver a esta compañía compostelá, máis coñecida polo seu traballo co público infantil nun traballo teatral para público adulto (sábado 29 de marzo).

Xa en maio celebraremos o 25º aniversario de Teatro do Morcego: a compañía afincada en Narón volve a poñer en escena unha obra do italiano Darío Fo pola que foi moi premiada a comezo dos anos 90, Misterio Cómico, que co protagonismo de Celso Parada se poderá volver a ver en Compostela máis de vinte anos despois, o mércores 7 de maio. Unha nova compañía coruñesa integrada por novos actores saídos da Escola Superior de Arte Dramático terá oportunidade de presentar a súa primeira proposta escénica no Teatro Principal: O Feo é o título do escritor alemá Marius von Mayenburg que a compañía CatroCadeiras, dirixida por Juan Carlos Corredoira, se poderá ver o mércores 14 de maio e brindará a oportunidade de ver en acción ás novas caras do teatro galego.

A tempada galega no Principal chegará ao seu fin antes do verán cunha comedia e unha traxicomedia. Pequenos actos pseudorrevolucionarios é un espectáculo cómico-político-absurdo de Ibuprofeno Teatro protagonizado por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre que mereceu dous galardóns nos últimos Premios María Casares (xoves 22 de maio) e Demolición, unha traxicomedia, é a última obra de Talía Teatro que, poucos días despois de ser estrada en Pontevedra, poderá verse no Teatro Principal (mércores 11 e xoves 12 de xuño).

Programación no Salón Teatro
No Salón Teatro, a compañía Obras Públicas será a primeira en subir a escena para presentar Bye, Bye, Honey (de xoves 23 a domingo 26 de xaneiro), unha peza de teatro musical que conta a historia de Marta, unha rapaza de barrio. Triateros, polo súa parte, representarán Matanza, de Roberto Salgueiro, unha comedia visceral apousentada nun drama existencialista (domingo 2 de febreiro). Teatro de Ningures ofrecerá dúas funcións (xoves 6 e venres 7 de febreiro) da Pegadas, obra con textos de Suso de Toro, Anxos Sumai, Benito Pérez Galdós, Manuel Pazos, Euripides e Laila Ripoll (cada pegada é o recordo dunha obra, dunha escena, dunha personaxe).

A compañía compostelá VerdeVeras presentará en estrea absoluta, Desalm@s, sábado 8 e domingo 9 de febreiro (unha muller busca a súa alma xemelga… pero que atopará?). E un dos acontecementos da tempada teatral será sen dúbida a estrea no Salón Teatro do novo espectáculo do Centro Dramático Galego (oito funcións en fins de semana entre o sábado 22 de marzo e o domingo 6 de abril) da obra Longa viaxe cara á noite, do Premio Nobel norteamericano Eugene O’Neill, dirixida por Manuel Guede. Xa en xuño (do mércores 5 ao domingo 8) poderán verse cinco funcións da posta en escena da compañía Eme2 dunha comedia da dramaturga irlandesa Elaine Murphy: Meu ben conta a historia dun ano na vida de tres xeracións de mulleres da mesma familia.

Teatro portugués
Reanúdase o programa de intercambio teatral entre Galicia e Portugal, "Troco por troco", iniciado no último trimestre do ano pasado: un proxecto de diálogo entre o teatro galego e o teatro portugués destinado a reforzar os encontros entre as estruturas profesionais de ambos lados da fronteira, na certeza de que xa non é tempo de declaracións teóricas sobre a importancia de afondar nestas relacións senón que é o momento de poñelas en práctica. As compañías portuguesas que visitarán o Salón Teatro serán Escola da Noite (compañía residente de Coímbra) e o Centro Dramático de Evora, ambas estruturas de longo percorrido teatral no país veciño e imprescindibles para comprender o territorio actual da escena portuguesa. Escola da Noite presenta o 13 de febreiro a obra Novas diretrizes em tempos de paz, do dramaturgo Bosco Brasil, e o Centro Dramático de Évora (en coprodución coa Companhia de Teatro do Algarve) achegará os Autos da Revolução, de António Lobo Antunes, o xoves 15 de maio. Estes encontros veranse implementados cunha experiencia teatral inédita: o proxecto P-Stage (financiado pola Unión Europea e xestionado pola Cena Lusófona), que se verá nun espectáculo formidable: As oraçoes de Mansata, no que hai unha participación artística de países do eido lusófono como Angola, Guiné-Bissau, Brasil, Portugal e Galicia.

Programación na Zona C e na Sala Agustín Magán
A Zona C volve acoller de novo ás propostas escénicas máis alternativas. A primeira será Barbazul, unha sabotaxe amorosa: unha opereta para clown e soprano protagonizada por Mónica de Nut e Borja Fernández (oito funcións entre xoves 20 de febreiro a domingo 2 de marzo). A compañía viguesa Inversa Teatro traerá o seu espectáculo experimental Té con Kant en catro funcións entre o xoves 6 e o domingo 9 de marzo. Este versátil espazo de Bonaval acollerá tamén a estrea absoluta de A Mamma, unha comedia de Lino Braxe protagonizada por Luma Gómez (dez funcións entre o 26 de marzo, data da estrea, e o 6 de abril). E para rematar, xa en maio, será a vez de Ut-Tópico Teatro, que capitanea Fran Godón, para presentar o seu último traballo, Antiheroica (do 8 ao 18 maio, oito funcións). Esta oferta está completada pola segunda presenza da compañía viguesa Inversa Teatro na Sala Agustín Magán de Santa Marta, que os sábados 15 e 22 de marzo presentará o seu novo espectáculo Fémina Sapiens, de Marta Pérez, dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio.

Direccións relacionadas



Compartir: