INFRAESTRUTURAS

Fomento licita a obra de transformación da intersección de Conxo nun paso inferior

10/01/2014 O Ministerio de Fomento licitou, mediante a publicación de anuncio no BOE deste venres, o contrato de obra para transformar a intersección de Conxo, no periférico de Santiago de Compostela (SC-20), nun paso inferior. Para iso realizarase a depresión da calzada da estrada SC-20, construirase sobre ela unha glorieta a distinto nivel e reordenaranse os accesos e a circulación peonil do ámbito. O presuposto de licitación do contrato ascende a 7,15 millóns de euros e o prazo de execución a 12 meses.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, cualificou como "gran noticia" esta licitación, que "responde a unha inquedanza e a unha preocupación que sempre lle viñemos manifestando á ministra Ana Pastor". Neste sentido, agradeceulle "a sensibilidade cun problema que coñece ben e que era unha demanda importante da cidade de Santiago para resolver o problema de tráfico dun lugar por onde pasan diariamente 35.000 vehículos". Agarda que as obras poidan comezar antes do verán e estar rematadas en 2015.

Este é o único lugar do periférico de Santiago, nos seus máis de 10 quilómetros, que actualmente conta cunha intersección a nivel, concretamente unha glorieta regulada por semáforos. O contrato de obras licitado permitirá que o periférico de Santiago, cunha media máis de 35.000 vehículos ao día neste punto, discorra nun nivel inferior, mentres que a un nivel superior se construirá unha glorieta que permitirá a circulación de vehículos cara a ou dende a armazón urbana de Santiago e o tránsito de peóns.

Todo iso redundará nunha mellora do tránsito de vehículos pola zona, que actualmente soporta frecuentes conxestións, así como nunha maior permeabilidade dos tránsitos de vehículos e peóns entre os barrios existentes a ambos os dous lados do periférico, ao separarse o tráfico local do de paso.

Características técnicas
A obra consistirá na depresión do periférico de Santiago en Conxo e a construción dun enlace en forma de glorieta elevada, ademais da reordenación dos accesos e circulacións peonís existentes.

A depresión dos catro carrís do periférico de Santiago SC-20 nun tramo de 700 metros requirirá a construción dunha lousa de formigón de 17,5 m de luz e 67 m de longo executada sobre muros-pantallas de contención de terras. Será necesaria a execución de 821 m de pantallas.

A sección transversal da SC-20 será de dous carrís de 3,25 metros de ancho en sentido crecente e dous carrís de 3,50 metros cada un en sentido decrecente. Ambos os dous sentidos estarán separados por unha barreira ríxida. Implantaranse beiravías exteriores de 0,50 m e interiores de 0,75 m e 1,25 m. Ademais diso prolongarase a estrutura existente sobre a travesía de Conxo.

Por último, será necesaria a construción do pavimento das novas calzadas e novas redes de drenaxe. Os traballos completaranse coa instalación dunha sinalización acorde coa nova ordenación do tráfico e a colocación de elementos de contención de vehículos e balizamento.

Integración ambiental
Os labores de adecuación ambiental inclúen medidas protectoras e correctoras en relación cos solos, a vexetación natural, as augas e o sistema hidrolóxico, a xestión de residuos, a execución de traballos de control e seguimento ambiental e labores de integración paisaxística a través da revexetación das superficies da obra.

Compartir: