CULTURA

Vinte e catro espectáculos teatrais, repartidos en 60 funcións, no primeiro semestre de 2014

09/01/2014 Comeza unha nova temporada de teatro cunha variada oferta que inclúe tres estreas absolutas e con protagonismo das compañías galegas e de importantes compañías nacionais. Teatro de autor, comedias, dramas e dous grandes clásicos nos escenarios do Teatro Principal, Zona C, Sala Agustín Magán e Auditorio Novagalicia Banco. As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na billeteira do Teatro Principal e para case todos tamén se poden mercar en entradas.novagaliciabanco.es.

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou estas representacións. Así, dende Madrid chegan varias compañías con espectáculos de peso e grande éxito nas súas estreas. Esta oferta escénica acollerá dúas obras de teatro de autor: En construcción, de Tristán Ulloa, que foi unha das sorpresas da temporada (domingo 26 de xaneiro no Auditorio de Novagalicia Banco), e El arte de la entrevista, de Juan Mayorga, que conta cun salientable reparto encabezado por Luísa Martín e Alicia Hermida, que subirán as táboas do Teatro Principal o sábado 8 de febreiro. O momento da comedia chegará coa peza de Mark Twain titulada Hoy: El diario de Adán y Eva, cuxos coñecidos interpretes, Fernando Guillén Cuervo e Ana Millán, estarán no Auditorio de Novagalicia Banco o 13 de marzo.

Cómpre salientar a presenza de dúas compañías nacionais que achegan a Santiago (ao auditorio do Preguntoiro) as súas versións de sendos autores clásicos, Shakespeare e Homero. O primeiro será o Julio César de Shakespeare (9 de marzo) nunha gran produción estreada o verán pasado no Festival de Mérida e que conta cun amplo e máis que interesante reparto encabezado por Mario Gas, Tristán Ulloa e Sergio Peris-Mancheta. Pola súa banda, o 10 de abril, o Auditorio de Novagalicia Banco acollerá a persoal lectura que do clásico de Homero La Odisea fai o veterano actor andaluz Rafael Álvarez "El Brujo". A oferta teatral chegada dende Madrid e outras rexións de España completarase e anunciarase nas próximas semanas.

E como complemento e tamén no escenario de Novagalicia Banco, contaremos con dúas comedias teatrais de corte máis desenfadado e protagonizadas por coñecidas caras televisivas: El gran día de la madre, de Chascas & Quintanilla, o domingo 16 de febreiro, e Tres, a última comedia de Juan Carlos Rubio, o venres 7 de marzo.

Teatro galego
Boa parte das mellores compañías galegas estarán presentes de novo neste semestre no Teatro Principal. Comezará a temporada con Da Vinci tiña razón, estrea absoluta da última loucura de Excéntricas dirixida por Quico Cadaval, que ofrecerá catro funcións do xoves 16 ao domingo 19 de xaneiro. As do peixe, unha historia orixinal de Cándido Pazó sobre mulleres traballadoras da industria da conserva, será levada a este escenario pola compañía Abrapalabra Creacións Escénicas o venres 31 de xaneiro. Xa en febreiro (13 e 14), o Principal acollerá Sede de mal, unha comedia musical sobre o lado escuro da vida protagonizada por dous coñecidos actores galegos, Xavier Deive e Luis Iglesia B.

Na primeira fin de semana de marzo, unha compañía compostelá dirixida por Alex Sampayo, Redrum Teatro, presentarán os seus dous traballos teatrais, que aínda non foron estreados na súa cidade: Amor flexible, unha comedia de actualidade, próxima e amable (venres 7 de marzo e cun reparto encabezado por Mela Casal) e Curriculum vitae, unha historia en clave de humor sobre as entrevistas de traballo (sábado 8 de marzo). Como preludio á representación de Curriculum vitae, A Regadeira de Adela acollerá un adianto en forma de microteatro titulado Si e non a fin de semana do 20 ao 22 de febreiro. O mes de marzo rematará no Principal coa estrea absoluta de Avestruz en terra allea, unha obra de Paula Carballeira e Berrobambán, interesante oportunidade de ver a esta compañía compostelá, máis coñecida polo seu traballo co público infantil, nun traballo teatral para público adulto (sábado 29 de marzo).

Xa en maio celebraremos o 25º aniversario de Teatro do Morcego. A compañía afincada en Narón volve a poñer en escena unha obra do italiano Dario Fo pola que foi moi premiada a comezos dos anos 90: Misterio cómico. Protagonizada por Celso Parada, poderá versen Compostela o mércores 7 de maio.

Unha nova compañía coruñesa integrada por novos actores saídos da Escola Superior de Arte Dramático terán oportunidade de presentar a súa primeira proposta escénica no Teatro Principal. O Feo é o título do escritor alemán Marius von Mayenburg que a compañía CatroCadeiras, que dirixe Juan Carlos Corredoira, representará o mércores 14 de maio.

A temporada galega no Principal chegará ao seu fin antes do verán cunha comedia e unha traxicomedia. Pequenos actos pseudorrevolucionarios é un espectáculo cómico-político-absurdo de Ibuprofeno Teatro protagonizado por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre que mereceu dous galardóns nos últimos Premios María Casares (xoves 22 de maio). Pola súa parte, Demolición, unha traxicomedia, é a última obra de Talía Teatro que, poucos días despois de ser estreada en Pontevedra, poderá verse no Teatro Principal o mércores 11 e o xoves 12 de xuño.

Propostas alternativas na Zona C
A Zona C volve acoller de novo as propostas escénicas máis alternativas. A primeira será Barbazul, unha sabotaxe amorosa: unha opereta para clown e soprano protagonizada por Mónica de Nut e Borja Fernández (oito funcións entre o xoves 20 de febreiro e o domingo 2 de marzo). A compañía viguesa Inversa Teatro traerá o seu espectáculo experimental Té con Kant en catro funcións entre o xoves 6 e o domingo 9 de marzo.

Este versátil espazo de Bonaval acollerá tamén a estrea absoluta de A Mamma, unha comedia de Lino Braxe protagonizada por Luma Gómez (dez funcións entre o 26 de marzo, data da estrea, e o 6 de abril). E para rematar, xa en maio, será a vez de Ut-Tópico Teatro, capitaneado por Fran Godón, para presentar o seu último traballo, Antiheroica (do 8 ao 18 maio, oito funcións). Esta oferta complétaa a segunda presenza da compañía viguesa Inversa Teatro na Sala Agustín Magán de Santa Marta, onde os sábados 15 e 22 de marzo presentará o seu novo espectáculo, Fémina Sapiens, de Marta Pérez, dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio.

José Víctor Carou avanzou tamén a primeira das citas do programa de danza (Auditorio de Galicia, domingo 16 de febreiro), Xacarandaina, que presentará Galizien Amerika Linie un espectáculo que, conxuntando tradición e modernidade, quere achegar ao público ese importante fenómeno da nosa historia máis recente: a emigración.

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para case todos poden comprarse tamén en entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443.

Compartir: