ALCALDÍA

Inauguración este domingo en Vista Alegre da praciña Saxo Tenor

09/01/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidirá o vindeiro domingo, 12 de xaneiro, ás 12:00 horas, o acto de inauguración da praciña Saxo Tenor, no barrio de Vista Alegre, en memoria de Roberto Vidal Bolaño. Dáse así cumprimento ao acordo unánime da Corporación adoptado no Pleno do 28 de novembro de 2013, polo que se designaba co nome desta obra -unha das máis emblemáticas do dramaturgo compostelán- esta praza, situada a carón da casa onde vivira.

No acto descubrirase a placa co nome da praciña, "Saxo Tenor". A continuación, intervirá Dolores Alende, presidenta da Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, entidade que viña reivindicando este nomeamento. A este discurso seguiranlle tres actuacións musicais: a do cuarteto de saxos de Merza, que tocará "Adiós Nonino"; a do grupo tradicional As Brañas de Andrés, que interpretará "Foliada do Rueiro" e a dun tenor, acompañado por saxos, que tocarán "Negra sombra". O acto pecharase coa intervención do alcalde, Ángel Currás.

O nomeamento desta praza únese ás homenaxes que a cidade ten rendido a Roberto Vidal Bolaño, das que a expresión máis próxima foron as realizadas con motivo da súa elección para celebrar o Día das Letras Galegas no pasado ano 2013. Saxo Tenor é o título dunha obra escrita polo dramaturgo e cuxa representación el mesmo dirixiu en 1993. Recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro e os Premios Compostela ao mellor texto e á mellor escenografía.

Precisamente, o 17 de maio de 2013, Día das Letras Galegas, e en Vista Alegre, a carón da casa familiar onde vivira, no número 43, familiares veciños e autoridades lembraron a súa calidade humana e literaria, e descubriron unha placa que leva por lema "Polo seu traballo e por toda unha vida dedicada ao teatro galego e á nosa literatura".

Compartir: