CASCO HISTÓRICO

As cidades brasileiras de Olinda e Juiz de Fora toman nota do modelo urbano de Compostela

19/07/2006 O modelo de rehabilitación da cidade histórica segue a ser un referente internacional. Así quedou de relevo unha vez máis na reunión mantida pola concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, e polo arquitecto responsable da Oficina Municipal de Conservación e Rehabilitación da Cidade Histórica, Javier Fernández, cos seus socios do proxecto "Pagus-Al 2" (Programa Urb.-Al) na cidade brasileira de Olinda.

O obxectivo principal desta xuntanza era o intercambio de experiencias cos socios brasileiros do programa, as cidades de Olinda e Juiz de Fora. Os seus responsables amosáronse especialmente interesados polo modelo de desenvolvemento urbanístico de Compostela e polo seu posible traslado ás súas cidades, coas peculiaridades específicas que as mesmas teñen.

En Olinda, a cidade anfitriona da reunión, os seus representantes interesáronse fundamentalmente polo modelo de rehabilitación do casco histórico santiagués. A xestión, as axudas ou o proxecto turístico son aspectos que estiveron sobre a mesa.

Olinda é unha cidade Patrimonio da Humanidade que ten como peculiaridade que o seu casco histórico apenas ten unha extensión de 1,5 quilómetros cadrados. Situada moi preto de Recibe, o seu patrimonio atópase bastante degradado e sufre o inconveniente de que non ten trazado urbano máis que na zona histórica, xa que ao redor está cheo de favelas. Cunha importante presión turística, o modelo de Santiago pode ser para eles un referente.

No caso de Juiz de Fora, no estado de Minas Gerais, os seus principais problemas son de mobilidade. Disto intercambiaron experiencias cos representantes composteláns, que quedaron gratamente sorprendidos polo modelo de intervención no seu casco histórico, que data do século XIX. Os responsables municipais desta cidade amosaron tamén o seu interese polo Plan Especial da Cidade Histórica e polo modelo de xestión e colaboración entre administracións que encarna o Consorcio de Santiago.

Esta reunión de Olinda dará paso a outras que se celebrarán nos vindeiros meses co resto de socios do programa "Pagus-Al 2". A seguinte celebrarase en Colonia (Uruguai) e logo virán xuntanzas en Santa Fe (Arxentina) e Valparaíso (Chile). Ademais das apuntadas, forman parte dese programa Narni (Italia), Amave-Guimaraes (Portugal) e San Rafael (Arxentina).

Santiago de Compostela é a única cidade de España que traballa neste proxecto, que finalizará a principios do vindeiro ano. Grazas a esta iniciativa, os seus socios poden intercambiar experiencias en materias tan diversas coma os transportes urbanos, a reestruturación urbana e viaria, a mobilidade en cidades históricas, a rehabilitación e conservación de áreas históricas, a renovación urbana ou adaptación e utilización de edificios históricos para o turismo.

Compartir: