CULTURA

Pablo Trigeros dirixe a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia

07/01/2014 Pablo Trigueros dirixirá á Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia no que será o primeiro concerto do ciclo Novas Orquestras 2014. O concerto celebrarase este xoves 9 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

A Orquestra interpretará a Apertura festiva, op. 96 de Shostakovich, o Concerto para frauta e orquestra de Mozart e as Metamorfoses sinfónicas sobre temas de Carl Maria von Weber de Hindemith. As entradas están á venda en entradas.novagaliciabanco.es, na billeteira do Teatro Principal e na billeteira do Auditorio de Galicia o día do concerto, cun prezo de 3 euros.

Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia. Dende a súa fundación en 1994, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia permitiu a centos de mozos instrumentistas completar a súa formación musical participando en espectáculos operísticos e concertos sinfónicos, baixo o maxisterio de mestres como Alberto Zedda, Víctor Pablo Pérez, James Judd, Pietro Rizzo, Michael Gilbert, James Ross ou Joan Company, entre outros. Convertida xa nun dos proxectos educativos máis orixinais do panorama musical español, a Orquestra Nova supón unha das poucas posibilidades reais de achegar os futuros profesionais á práctica do seu instrumento no seo dunha orquestra sinfónica.

José Trigueros, director. Primeiro percusionista da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor do Centro Superior de Música do País Vasco Musikene, José Trigueros realizou os seus estudos musicais nos conservatorios de Valencia e Ámsterdam na especialidade de percusión. En 2007 comezou os seus estudos de dirección de orquestra da man do mestre Bruno Aprea e posteriormente ampliounos no Conservatorio de Bruxelas con Patrick Davin. A súa carreira como director comeza no seo da OSG, debutando en 2008 no Festival Mozart da Coruña dirixindo a obra de Gerard Grisey Vortex Temporum. Ao ano seguinte dirixe a estrea en España da ópera infantil Lo Scoiattolo in Gamba, de Nino Rota, á fronte da OSG. Tamén dirixiu a OJSG e a OSG Sinfonietta. Despois de traballar como director asistente da Joven Orquesta Nacional de España, foi invitado a dirixir nas edicións de 2011 e 2012 do Festival de Música de Alicante á Academia de Música Contemporánea da JONDE. En xullo de 2013 recibiu o premio especial do público do I Concurso de Dirección da Orquestra de Córdoba. Durante a tempada 2013/2014 dirixirá a Orquesta Simfònica del Vallés, a Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, as orquestras de Córdoba e Estremadura.

Pablo Díaz Mera, frauta. Nace en Ferrol (A Coruña) en 1991. Á idade de 8 anos comeza os seus estudos de frauta co profesor César Concheiro no Conservatorio Profesional de Música da súa cidade. Asistiu a cursos de perfeccionamento e recibiu clases maxistrais de frautistas como Julia Gallego, Claudia Walker, María José Ortuño, Joan Ibañez, Laurent Blaiteau, Vicens Prats, Anna Fazekas, Antonio Nuez, Walter Auer e Peter Lukas Graf, entre outros. Resultou gañador do concurso de solistas do Conservatorio Profesional "Xan Viaño" os anos 2005, 2006 e 2008. Foi finalista no concurso internacional "Travesera s.XXI" (2006) e en 2008 recibe o segundo premio no Concurso Luso-Galaico "Albertino Lucas". En 2009 finaliza os seus estudo de Grao Medio con matrícula de honra e recibindo o premio de Fin de Grao. En 2013 resultou gañador do concurso de solistas do Conservatorio Superior da Coruña, actuando coa orquestra do centro. Recentemente, interpretou de solista a Suite Orquestal núm. 2 de Johann Sebastián Bach, xunto á Orquestra Gaos. Hoxe é membro da Orquestra Gaos e da JONDE. Formou parte da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia de 2009 a 2013. Colaborou en distintas ocasións coa Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Está finalizando os seus estudos oficiais no Conservatorio Superior da Coruña, onde estudou con Miguel Gil e César Concheiro.

Compartir: