REHABILITACIÓN

A antigo curtidoiro de Belvís servirá para por en valor os parques e xardíns da cidade

07/01/2014 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, asinou a recepción das obras de rehabilitación do inmoble que será destinado Centro de Interpretación de Parques e Xardíns no parque de Belvís. O antigo curtidoiro, que foi totalmente rehabilitado, converterase así nun espazo público destinado a por en valor as zonas verdes da cidade. Este proxecto está incluído no programa Urbana Santiago Norte e foi executado por un importe de 210.000 euros.

Segundo indicou María Pardo, coa recuperación deste edificio potenciarase a función de achegar o valor dos parques e xardíns da cidade aos máis novos e á poboación en xeral, función que se viña realizando no anterior Centro de Interpretación, situado na Alameda. Daranse a coñecer os parques da cidade mediante visitas guiadas (dous programas anuais de actividades dirixidos a colexios e cidadáns) e impartiranse cursos e charlas sobre o coidado de parques, xardíns ou hortas urbanas. Anunciou que no inmoble haberá unha exposición permanente sobre os parques da cidade e que tamén será punto de encontro para os usuarios das hortas urbanas de Belvís.

Ademais, o edificio acolle dous aseos adaptados, destinados aos usuarios do parque. E coa baixas na adxudicación (o proxecto foi licitado en 260.000 euros e adxudicado en 210.000), habilitarase unha terraza con mesas e cadeiras.

Este novo Centro de Interpretación de Parques e Xardíns súmase así ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), tamén situado en Belvís e centrado na sostibilidade, creando nesta parte da cidade un "foco de dinamización cultural e ambiental", en palabras da concelleira. Anunciou que está previsto que noutra parte do parque tamén se levante un espazo de cafetería.

A posta en marcha do novo Centro está á espera da adxudicación do contrato de mantemento de parques e xardíns. A obra de rehabilitación foi deseñada polo arquitecto Óscar Andrés Quintela e executada pola empresa CPS.

Compartir: