FESTAS

Preto de 300 músicos alegrarán as rúas da zona histórica na XXVIII Homenaxe ás Bandas Populares

18/07/2006 A XXVIII Homenaxe ás Bandas Populares presentouse nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro; o organizador da xornada, Xosé Luís Bernal (Farruco); e a representante de Caixa Galicia, Patricia Maceira. O cartel desta edición foi deseñado por Emilio Lavandeira, quen mostra nunha simpática ilustración a esencia deste evento.

Seis bandas procedentes de Teo, Ribadeo, Boiro, Celanova, O Rosal e Baiona serán as encargadas de pór a nota musical polas rúas da zona histórica da cidade. Preto de 300 músicos chegarán ás 12 da mañá á Praza da Quintana, onde serán recibidos polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo. Xosé Luis Bernal saudará ás bandas, que responderán cada unha cun acorde. Na escalinata da Quintana interpretarán todas xuntas o Himno Galego, que será dirixido por un director elixido democraticamente entre os directores das bandas participantes.

Logo as bandas tocarán polas rúas da zona histórica da cidade.. Ás seis da tarde as bandas ofrecerán un concerto na Praza da Quintana. Cada banda disporá de 15 minutos para interpretar as pezas que elixa libremente.

As bandas participantes este ano son:
-Banda de Música da Sociedade Recreativa de San Xoán de Calo (Teo)
-Banda Municipal de Ribadeo (Lugo)
-Banda Municipal de Música de Boiro (A Coruña)
-Banda de Música Municipal de Celanova (Ourense)
-Banda Xuvenil da Agrupación Musical de O Rosal (Pontevedra)
-Agrupación Musical de Belesar (Baiona-Pontevedra)

Vinte e oito anos de tradición popular

Farruco fixo na presentación un percorrido emotivo polos vinte e oito anos que cumpre este ano o Día das Bandas Populares. Neste tempo viñeron a Santiago 12.000 músicos e 300 bandas (moitas delas repetiron). No cuarto ano de celebración achegáronse a Santiago 28 bandas, xa que era Ano Santo. Só o ano 1993 non foi exclusivamente galego, e chamouse "Músicos del Camino".

Nesta ocasión farase unha especial homenaxe a eses homes humildes, algúns bohemios, que serven de guías polas rúas e locais da cidade ás bandas. A homenaxe personalizarase na figura de Alfonso Cabanas, quen estivo con Farruco desde o ano 1979, e faleceu recentemente.

Farruco destaca o gran número de mulleres que, na actualidade, forman parte das bandas populares. Tamén cómpre salientar que a maioría delas están formadas por rapaces moi novos, pero sempre coa figura dun veterán nas súas filas. Hoxe hai rexistradas máis de 100 bandas na Confederación de Bandas de Galicia.

Turno para o Ballet Folk Nacional de Rusia

Na noite do martes 18 o teatro dará paso ao Ballet Folk Nacional de Rusia, "Stravropol Cossacks", quen representará o musical de Miguel Strogoff, "O correo do Zar". A cita é na Quintana.

Por outra parte, un milleiro de persoas acudiron o luns 17 á Quintana para revivir a obra de Tirso de Molina "El burlador de Sevilla". Un grande éxito de participación onde os estudantes da Universidade Carlos III fixeron a súa especial adaptación deste clásico do teatro barroco español.

Compartir: