NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Abel Vidal, Uxía Iglesias e Iria Estévez gañan o II Concurso de Cartas de Reis

03/01/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, deu a coñecer os tres gañadores da segunda edición do Concurso de Cartas de Reis, destinado a promover o uso da lingua galega nestas datas de Nadal. As tres cartas máis orixinais do certame, ao que se presentaron máis de 1.100 cartas, foron as de Abel Vidal Mansilla (4 anos), Uxía Iglesias Saco (6 anos) e Iria Estévez Colmenero (8 anos).

Rebeca Domínguez destacou a alta participación desta segunda edición, superando amplamente as 400 cartas da convocatoria de 2012 e a implicación dos colexios. Valorou a "alta calidade plástica" dos traballos e a "sensibilidade social" dos rapaces.

Todos os que enviaron as súas misivas recibirán a contestación das Súas Maxestades e un agasallo. Ademais, Iria Estévez, do CEIP Lamas de Abade, gañadora na categoría de 8 ou máis anos, terá como premio unha tablet. Abel Vidal, do CEIP Quiroga Palacios, triunfador na modalidade de menos de 6 anos, e Uxía Iglesias, do Colexio La Salle, gañadora na categoría de 6 a 8 anos, recibirán lotes de libros. Estes tres premios entregaranos persoalmente os Reis Magos tras a tradicional cabalgata este domingo, 5 de xaneiro.

Estrelas do galego
Nesta segunda edición do Concurso de Cartas, os propios Reis Magos motivaron os rapaces para que na súa carta formularan os seus desexos para o idioma. Neste sentido, lembrábanlles aos nenos e nenas que cada carta que recibiran sería como "unha estreliña que se acenda para alumear o futuro do idioma", animándoos a "usalo un pouquiño máis cada día" e a converterse en "estrelas do galego".

A través de todos os centros educativos, rapaces e rapazas recibiron un folleto coas bases do concurso e unha carta asinada polos Reis Magos. Non había límite nin para o formato nin para a creatividade das misivas. Os nenos puideron depositar as cartas nas caixas de correo dispostas nos colexios, na Casa do Concello, na Biblioteca Ánxel Casal, no Multiúsos Fontes do Sar e nos centros socioculturais das Fontiñas e do Ensanche.

Compartir: