CONSORCIO

O director galego Diego García dirixe a Real Filharmonía de Galicia no tradicional concerto da noite de Reis

02/01/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra, como cada ano por estas datas, o tradicional concerto da noite de Reis. Nesta ocasión levará a batuta o director galego Diego García Rodríguez. Pola súa parte, o actor Xosé Esperante encargarase de interpretar algunha das obras. A cita terá lugar o domingo 5, ás 22:00 horas, no Auditorio de Galicia.

O concerto arrancará coa obra Sarabande, do compositor francés Claude Debussy (1862-1918), unha figura central na música europea de finais do século XIX e comezos do XX, cuxas innovacións harmónicas abriron o camiño ás novas tendencias musicais. Sarabande é unha peza para piano orquestrada polo seu amigo e tamén compositor francés Maurice Ravel, que fai referencia a unha danza lenta e expresiva orixinaria da América hispana.

A continuación a orquestra interpretará O boi sobre o tellado, do compositor francés Darius Milhaud (1892-1974), unha obra para orquestra sinfónica, desenfadada, cargada de ritmo e sorpresas para o público. Recolle ritmos e melodías de moitas partes do continente americano como o tango ou o jazz, pero sobre todo de Brasil. Foi creada para ser a banda sonora dunha película muda que nunca viu a luz, polo que o compositor aproveitou a música para facer un ballet surrealista. O boi sobre o tellado era o nome dun bar da época en París onde se reunían artistas de toda índole.

O actor galego Xosé Esperante na pel de Eric Satie
A segunda parte do concerto centrarase en varias obras do compositor e pianista francés Eric Satie (1866-1925), considerado unha das figuras máis influíntes na historia da música. Trátase dunha selección de cinco pezas: Le Piccadilly, Gnossienne nº 4, La Diva de l´Empire, Sports et divertissements e La Belle excentrique.

A música complementarase neste caso con textos intercalados escritos polo propio Satie, para o que se contará coa participación do actor galego Xosé Esperante. O intérprete acompañará á orquestra no escenario e, tal como el mesmo manifesta, "o meu obxectivo é que o público non me vexa como un narrador senón como un personaxe, é dicir, que tentarei que a miña presenza en escena teña unha dimensión teatral. Convertereime en Satie polo que, sen dúbida, a maior dificultade será estar á altura da súa intelixencia". O actor, a través das reflexións do compositor, descubriralle ao público o particular mundo interior deste xenio, así como a súa visión do tempo artístico e social no que viviu.

Xosé Esperante naceu en 1976 en Escarabote, na localidade coruñesa de Boiro. Unha casualidade levouno a deixar o seus estudos de Historia na Universidade de Santiago para dedicarse á interpretación. Ten participado en obras teatrais como Peter Pan, O retrato de Dorian Gray ou Ensaiando a Hamlet. O seu debut no mundo da longametraxe tivo lugar en 2001 na película Ilegal. Despois participou como actor de reparto en filmes como O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Malas temporadas ou Mar adentro, entre outras. Na pequena pantalla ten aparecido en series como Cóntame como pasou, O comisario ou Amar en tempos revoltos.

Un acreditado director galego
O director galego Diego García resalta que este concerto céntrase en "tres compositores fundamentais do século XX". E salienta que cada unha das colaboracións que ten feito coa Real Filharmonía de Galicia foron "fantásticas experiencias. Tiven a sorte de poder traballar con eles repertorios bastante dispares e o resultado sempre foi moi gratificante". En relación ao futuro da música de cámara en Galicia sinala que "a canteira de músicos galegos xa leva en funcionamento dende hai anos, e en canto aos profesionais non hai máis que botar unha ollada ao panorama musical en Galicia, España e Europa. O que hai que facer é valoralos como se merecen, non só artisticamente senón tamén socialmente".

Diego García tamén naceu en Escarabote, no concello coruñés de Boiro. Pianista de formación, crea o proxecto Galicia XXI xunto co frautista Luís Soto. Os seus recentes e próximos compromisos inclúen A Traviata no Thèâtre de Caen (Francia), Carmen na Opera Baltycka (Polonia) ou As Vodas de Fígaro en Londres. En 2010 a London Sinfonietta selecciónao para participar no seu primeiro programa de xóvenes directores. E en Inglaterra ten dirixido obras tan recoñecidas como Madame Butterfly, de Puccini, ou Le nozze di Figaro, de Mozart.

Compartir: