VÍAS E OBRAS E SEGURIDADE CIDADÁ

Os últimos temporais obrigaron a diversas intervencións da Brigada de Vías e Obras e dos efectivos de seguridade

02/01/2014 Os concelleiros de Seguridade Cidadá, Luis Bello, e de Xestión de Servizos Básicos, deron conta do balance dos últimos temporais, así como da última noite do ano. As inclemencias meteorolóxicas obrigaron a diversas intervencións da Brigada de Vías e Obras, sobre todo no medio rural, mentres que a noite do 31 decembro ao 1 de xaneiro se pechou se demasiadas incidencias.

Respecto ás incidencias polo clima, o concelleiro Juan de la Fuente destacou o traballo que realizaron de xeito permanente oito efectivos da Brigada de Vías e Obras, fundamentalmente no medio rural e barrios periféricos. Tratouse sobre todo de intervencións para limpeza de follas nas redes de sumidoiros, retirada de árbores, postes e muros derrubados ou reposición de contadores, entre outras.

Ao contrario da noite do 23 de decembro –con abondosas caídas de árbores e mesmo peche provisional do túnel do Hórreo-, nestes últimos temporais do ano non foi precisa a actuación dos Bombeiros salvo en casos puntuais. Así, segundo indicou Luis Bello, "non houbo demasiadas incidencias" na cidade. No primeiro temporal do ano, a incidencia máis importante foi a árbore caída na estrada entre Santiago e Carballo, que obrigou a cortar o tráfico temporalmente ata a súa retirada.

O balance da última noite do ano non deixou moitas incidencias que fixeran precisa a intervención dos efectivos de seguridade. Unicamente, o concelleiro Luis Bello lamentou o accidente de tráfico producido no vieiro Clara Campoamor, cun ferido grave e dous leves.

Tamén en relación a esta noite, Juan de la Fuente agradeceu o traballo realizado pola empresa concesionaria da retirada do lixo, Urbaser, que logrou que na mañá do 1 de xaneiro xa estiveran completamente limpas as rúas. Adiantou igualmente que, na Cabalgata de Reis, dous camións e cinco operarios seguirán a comitiva para limpar sobre a marcha as rúas e garantir que queden en perfecto estado esa mesma noite.

Compartir: