XUNTA DE GOBERNO

A Rede de Centros Socioculturais programa máis de 400 accións e 26.000 horas de actividades para 2014

02/01/2014 A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, deu conta dos asuntos tratados na última sesión ordinaria, así como na extraordinaria celebrada o 30 de decembro. Entre os temas aprobados nesta última destacan a aprobación dos prezos públicos para as actividades dos centros socioculturais, das bases das subvencións ao comercio de proximidade do Urbana Santiago Norte e da actualización de tarifas en varios estacionamentos municipais.

A Xunta de Goberno aprobou a memoria e os prezos públicos das actividades a realizar nos centros socioculturais de xaneiro a decembro de 2014. A memoria recolle un orzamento para actividades de 150.000 euros. As programacións específicas de cada un dos 42 centros están xa dispoñibles nesta web municipal e na dos CSC, así como en cada centro sociocultural. En total serán máis de 400 accións distintas para todos os públicos, ás que se dedican unhas 26.528 horas de monitoraxe especializada.

A proposta da concelleira de Comercio, deuse o visto bo ás bases e á convocatoria de subvencións ao comercio de proximidade para a reforma de locais de negocio e implantación de tecnoloxías da información e da comunicación (TICs) dentro do proxecto Urbana Santiago Norte. A convocatoria para 2014 ten un orzamento de 40.000 euros.

Na Xunta de Goberno extraordinaria tamén se aprobou unha suba do 1% das tarifas dos aparcadoiros municipais de Belvís e de Xoán XXIII. As tarifas da dársena de autobuses de Xoán XXIII non sofren variación.

Ademais, acordouse un reaxuste das tarifas do aparcadoiro de borde de Salgueiriños quedando como seguen: turismos, 1,50 €; autocaravanas, 3,50 €; autobuses, microbuses e camions, 5,50 euros; e.tarifa reducida autobuses, 2,50 €. Todos estes cambios foran aprobados previamente no Consello de Administración de TUSSA.

Finalmente, aprobouse o convenio entre o Concello e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago de Compostela, polo que se lle outorgan a esta última 5.200 euros para as actividades que esta realizan, fundamentalmente en concepto de manutención.

Documentos relacionados



Compartir: