EDUCACIÓN

Os escolares composteláns participarán en varios programas de educación viaria o vindeiro curso

18/07/2006 Fomentar os programas de educación viaria escolar no municipio de Santiago é o obxectivo do convenio de colaboración que asinaron a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, e o secretario executivo da Fundación RACC, Alfonso Perona. Grazas a este acordo, que estará vixente ata 2010, realizaranse diversas accións formativas durante o curso escolar.

Esta colaboración pretende mellorar a mobilidade e a seguridade viaria dos escolares na cidade, así como a elaboración e publicación de materiais didácticos e informes que incidan no cambio de actitudes dos usuarios da vía urbana compostelá. A primeira destas actuacións será a difusión do Programa de Educación pola Mobilidade nas escolas.

Esta iniciativa do RACC pretende elevar o grao de concienciación e responsabilidade sobre a mobilidade dos rapaces de segundo e terceiro ciclo de primaria. Para iso un educador trasládase á escola a compartir co mestre e cos alumnos unha sesión de traballo. A acción inclúe o uso do vídeo e doutros soportes cara a extracción dunha conclusión final en forma parchís xigante con xogos e preguntas ou dun debate teatralizado.

Ao longo do vindeiro curso escolar páranse en marcha outras iniciativas, como a campaña "Lévao sempre enganchado. Pódeche salvar a vida", destinada a concienciar aos rapaces e rapazas sobre uso do cinto de seguridade, ou a titulada "Non rompas a cabeza. Pon o casco". Ademais, representarase en Santiago a obra de teatro "Stop" e distribuirase diverso material entre a comunidade educativa.

Dende o Departamento de Educación e Mocidade estímase que a educación viaria e na autoprotección é prioritaria para que os nenos e nenas se desenvolvan no espazo urbano con responsabilidade e seguridade. Coñecer os perigos aos que se expoñen e adquirir hábitos correctos debe ser un obxectivo prioritario e nisto incide o Convenio asinado.

Compartir: