MULLER

"O traballo das mestras en Galicia", outra das investigacións gañadoras do premio "Xohana Torres", chega ás librarías

18/07/2006 "O traballo das mestras en Galicia: entre a produción e a reprodución" é o título do novo libro que recolle a investigación gañadora da edición 2003 do premio "Xohana Torres". A obra de Ana Sánchez Bello toma como referencia a este colectivo de mulleres para analizar o seu papel social e para afondar nos procesos polos que se xeran as desigualdades entre xéneros.

"O primeiro obxectivo era visibilizar o papel das mestras en Galicia como xeradoras dun novo modelo social", afirma a autora a propósito dun ámbito, o do ensino, como o primeiro no que as mulleres entraron dun xeito remunerado. Neste sentido, Ana Sánchez fai un percorrido polo proceso de feminización do ensino primario.

O outro propósito da autora é analizar a situación actual das mestras, para examinar un dos indicadores sociais que se citan como unha das causas máis salientables da xerarquización sexual hoxe: a desigual distribución no uso do tempo. A través de máis de 600 enquisas nos centros públicos de ensino de Galicia, a autora afonda nos conflitos que seguen a existir entre os ámbitos público e privado.

Segundo conclúe no seu traballo, "o profesorado de primaria segue deseñando as súas actividades privadas con actividades masculinas e femininas, malia que o home e a muller poidan ter o mesmo horario de traballo". Outro dos factores que segue a manifestar a diferenza de xéneros é o acceso a postos de responsabilidade nos centros de ensino, onde a preponderancia masculina é case absoluta. Iso si, as razóns para que isto se produza son distintas en función das explicacións que dan eles e elas. "Mentres a s mulleres din que a razón é que son postos de moita responsabilidade, os varóns din que elas non acceden a estes postos porque non lles serven para promocionarse profesionalmente", apunta Ana Sánchez.

O conflito familia traballo é outro factor examinado. Para a autora, "os homes cren que o conflito se produce porque a familia demanda máis tempo das mulleres, mentres que elas pensan que o problema vén porque o seu traballo obriga a reorganizar o tempo na casa".

Todos estes aspectos foron explicados pola gañadora do premio, Ana Sánchez Bello, unha profesora da Facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña. É licenciada en Ciencias da Educación pola Universidade Complutense de Madrid e doutora en Psicopedagoxía. Acompañárona na rolda de prensa de presentación do libro a concelleira da Muller, Adelaida Negreira, e o vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó. A autora, Ana Sánchez

O premio de investigación "Xohana Torres" foi institucionalizado pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela en 1993, co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade coma no pasado, na vida da nosa comunidade. Da publicación da investigación gañadora encárgase a Universidade de Santiago.

Compartir: