XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno manifesta nun acordo o seu pesar polo pasamento do Papa

04/04/2005 O Concello enviou un telegrama o sábado 2 de abril, data do falecemento, de Xoán Pablo II, para comunicar as condolencias da cidade e da Alcaldía.

A Xunta de Goberno Local celebrada o luns 4 de abril acordou expresar á comunidade católica o seu pesar polo pasamento da Súa Santidade, Xoán Pablo II, quen, na súa calidade de Papa da Igrexa Católica, segundo se fixo constar nun acordo, "acadou unha dimensión histórica só superada pola súa propia dimensión humana e espiritual".

Compostela contou coa presenza de Xoán Pablo II en dúas ocasións, nos anos 1982 e 1989, como se manifestou no acordo, "precisamente quen tanto fixera pola recuperación da esencia máis fonda deste histórico camiño de fe, ao que debe a súa propia existencia a nosa cidade."

Pola súa banda, o Alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo quixo destacar que a figura do Papa "sempre demostrou afecto e cariño por Santiago de Compostela e o Camiño ao longo do seu dilatado período ao fronte dos destinos da Igrexa Católica".

Sánchez Bugallo sinalou ante os medios que "somos conscientes de que despedimos a unha personalidade de referencia mundial". O Alcalde fixo referencia ao compromiso ético e coa paz mundial de Xoán Pablo II, que deixa agora un "baleiro difícil de encher".

Compartir: