COMERCIO

Os gañadores dos concursos de Beléns e de Ambientación de Nadal recibiron os seus agasallos nun acto en Raxoi

27/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu no Pazo de Raxoi a entrega dos premios dos concursos de Beléns e de Ambientación de Nadal, promovidos pola Concellería de Comercio. Os triunfadores foron elixidos por votación popular a través do Facebook do programa #Nadalamos.

No transcurso da entrega de premios, o alcalde referiuse á tradición belenística de Compostela, lembrando nacementos históricos como os de Conxo, Sar, San Agustín ou o Hostal dos Reis Católicos. Ademais, aproveitando a presenza dos comerciantes e hostaleiros galardoados, expresou o seu desexo para estes dous sectores dun mellor 2014.

O Concurso de Beléns contou con dúas categorías: individual e colectiva. Na individual, á que se podía presentar calquera persoa física inscrita no padrón municipal, o gañador foi Rogelio Pérez Sandá, de Mallou, con 463 votos. A segunda clasificada foi unha veciña de Enfesta, Ana Amado Mera, con 218 votos, mentres que en terceiro lugar quedou Mar Amado Mera, da Costa Vella, con 203 votos.

Na categoría colectiva podían participar e inscribirse os colexios e todo tipo de asociacións, institucións e entidades cidadáns. Gañou o Centro Sociocultural da Gracia, con 355 votos. En segundo lugar clasificouse a Aula de Xogo do Centro Sociocultural de Vite, con 195 votos e, en terceiro, o Centro Sociocultural das Fontiñas, con 193 votos.

Os gañadores recibiron os seus vales de compra e unha mención especialmente deseñada co nome de "Compostrela". Os vales son de 150 euros para os primeiros clasificados de cada categoría, 120 para os segundos e 60 para os terceiros.

Ambientación
O Concurso de Ambientación de Nadal contaba tamén con dúas categorías: unha para establecementos de hostalería e outra para comercios. Tamén aquí se premiaron os primeiros clasificados cunha mención de "Compostrela" e cun pack promocional personalizado coa lenda do premio obtido e coa imaxe do establecemento gañador, consistente en tarxetas, bolsas, papel de agasallo e cinta de lazo decorativo (para comercio) e tarxetas, pousavasos e manteis individuais (para hostalería).

En hostalería, o establecemento gañador foi O Boneco Bar, situado na avenida de Raxoi, 19, que levou 474 votos. Segundo foi Hotel Carrís Casa de la Troya (rúa da Troia, 5), con 85 votos.

Entre os comercios, o primeiro clasificado foi La Reina de Saba (Algalia de Arriba, 3), con 360 votos. O segundo premio recaeu na Floristería Embora (rúa de San Pedro, 65), con 310 votos e, o terceiro, en Celme (rúa das Orfas, 1).

As fotografías ou vídeos dos beléns e dos establecementos participantes subíronse a Facebook para permitir a votación popular. Resultaron gañadores beléns e establecementos coa ambientación que obtiveron máis "Me gusta", determinando así o 1º, 2º ou 3º premio en cada unha das categorías.

Compartir: