IGUALDADE

Quince menores aprenden mediante as artes plásticas a afrontar situacións de violencia de xénero ou de problemas familiares

26/12/2013 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Igualdade, María Castelao, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, visitaron a actividade de intervención con menores expostos a situación de violencia de xénero que se celebra na Casa das Asociacións de Benestar Social, en Salgueiriños.

Esta actividade foi concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Consiste nun programa de intervención de terapia ocupacional con menores expostos a situación de violencia de xénero ou con problemas de desestruturación familiar, a través das artes plásticas.

O obxectivo xeral do programa é restablecer as ocupacións dos menores vítimas da violencia de xénero, utilizando como medio de intervención as artes plásticas. Preténdese así lograr a máxima independencia e autonomía, así como un bo equilibrio ocupacional (facendo especial fincapé na participación social e na educación), necesario para gozar dun estado óptimo de saúde.

No taller trabállanse aspectos como: eliminación de riscos cognitivos relacionados coa violencia e de estereotipos de xénero; expresión de sentimentos para eliminar a posibilidade dun "embotellamento afectivo"; normalización do problema; estimulación cognitiva (atención, concentración, razoamento); resolución de problemas e toma de decisións; capacidade de autocontrol e de control da frustración; habilidades sociais que permitan unha boa integración co grupo de iguais e coa comunidade; ou a importancia do traballo en equipo.

O taller divídese en dúas sesións de dúas horas, a realizar os días 26 e 27 de decembro de 11:00 a 13:00 horas. Participan 15 menores, con idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, seleccionados polo Centro de Información á Muller (CIM)

Compartir: