ALCALDÍA

A Cámara de Comercio e o alcalde coinciden na urxente aprobación do PXOM co máximo consenso

18/07/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto con varios concelleiros, mantivo na tarde do luns 17 de xullo unha reunión co pleno da Cámara de Comercio de Santiago para explicar as liñas xerais do Plan Xeral de Ordenación Municipal na actual conxuntura, na que se pon de manifesto a súa urxente aprobación.

Sánchez Bugallo e o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, así como os representantes desta entidade; o primeiro tenente alcalde, Néstor Rego; e os concelleiros Francisco Candela, Bernardino Rama e Xosé Manuel Iglesias, concordaron durante a reunión mantida onte, luns 17, que o PXOM de 1999 ve xa moi acotada a súa capacidade de crecemento urbanístico. Así, faise necesaria unha nova oferta de solo industrial que posibilite o desenvolvemento económico da cidade. Por outra banda, a contemplación de novas infraestruturas de comunicación (AVE) e de equipamentos só é viable desde a revisión do PXOM.

No encontro deuse coñecemento aos empresarios da entrada en vigor de normas ambientais (directiva europea) e da súa inminente aplicación no contexto da comunidade galega, o que fai imprazable a aprobación do PXOM. Tras un amplo período de exposición pública, que deu como resultado unhas catro mil alegacións, e que en boa medida se pensan atender, segundo explicou o alcalde, no marco da actual Lei do Solo, lembrouse que unha vez aprobado o PXOM pódense formular modificacións puntuais, pois non se trata dun texto inamovible nos próximos dez ou doce anos.

Pola súa banda, os membros da Cámara de Comercio compostelá amosaron a súa preocupación polas urxentes necesidades empresariais, que se traducen en solo industrial e infraestruturas, así como na necesidade de despexar dúbidas arredor do novo PXOM para a correcta toma de decisións de investimentos e de desenvolvemento estratéxico das empresas compostelás. Así, os asistentes ao encontro coincidiron na idea de aprobar nos vindeiros días o PXOM co máximo consenso político posible.

Compartir: