COMERCIO

Rogelio Pérez, o CSC da Gracia, O Boneco Bar e La Reina de Saba gañan os concursos de Beléns e de Ambientación de Nadal

24/12/2013 Xa se coñecen os gañadores do Concurso de Beléns e do Concurso de Ambientación de Nadal, elixidos por votación popular a través do Facebook do programa #Nadalamos. Os vencedores recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará este venres 27, ás 12:00 horas, no salón vermello do Concello.

O Concurso de Beléns contaba con dúas categorías: individual e colectiva. Na individual, á que se podía presentar calquera persoa física inscrita no padrón municipal, o gañador foi Rogelio Pérez Sandá, de Mallou, con 463 votos. A segunda clasificada foi unha veciña de Enfesta, Ana Amado Mera, con 218 votos, mentres que en terceiro lugar quedou Mar Amado Mera, da Costa Vella, con 203 votos.

Na categoría colectiva podían participar e inscribirse os colexios e todo tipo de asociacións, institucións e entidades cidadáns. Gañou o Centro Sociocultural da Gracia, con 355 votos. En segundo lugar clasificouse a Aula de Xogo do Centro Sociocultural de Vite, con 195 votos e, en terceiro, o Centro Sociocultural das Fontiñas, con 193 votos.

Os premios consisten en vales de compra e nunha mención especialmente deseñada co nome de "Compostrela". Os vales son de 150 euros para os primeiros clasificados de cada categoría, 120 para os segundos e 60 para os terceiros.

Ambientación
O Concurso de Ambientación de Nadal contaba tamén con dúas categorías: unha para establecementos de hostalería e outra para comercios. Tamén aquí se premiaron os primeiros clasificados cunha mención de "Compostrela" e cun pack promocional personalizado coa lenda do premio obtido e coa imaxe do establecemento gañador, consistente en tarxetas, bolsas, papel de agasallo e cinta de lazo decorativo (para comercio) e tarxetas, pousavasos e manteis individuais (para hostalería).

En hostalería, o establecemento gañador foi O Boneco Bar, situado na avenida de Raxoi, 19, que levou 474 votos. Segundo foi Hotel Carrís Casa de la Troya (rúa da Troia, 5), con 85 votos.

Entre os comercios, o primeiro clasificado foi La Reina de Saba (Algalia de Arriba, 3), con 360 votos. O segundo premio recaeu na Floristería Embora (rúa de San Pedro, 65), con 310 votos e, o terceiro, en Celme (rúa das Orfas, 1).

As fotografías ou vídeos dos beléns e dos establecementos participantes subíronse a Facebook para permitir a votación popular. Resultaron gañadores beléns e establecementos coa ambientación que obtiveron máis "Me gusta", determinando así o 1º, 2º ou 3º premio en cada unha das categorías.

Compartir: