MEDIO RURAL

O Concello acometerá o asfaltado de 37 pistas en 17 parroquias do rural

23/12/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou unha nova fase de obras no rural. Trátase dun investimento de máis de 700.000 euros en obras de asfaltado en 37 pistas de 17 parroquias, ás que se unen outras tamén de mellora da calzada na Barciela, Verdía e Conxo, e unha de substitución da rede de abastecemento de Bornais. Acompañaron ao rexedor nesta rolda de prensa os concelleiros de Urbanismo, María Pardo, e os concelleiros encargados do seguimento do Medio Rural, Luis Meijide e José Rosende.

O primeiro paquete de obras, que se incluirá no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2014), supón un investimento de 508.320 euros e ten como obxectivo a reparación de firmes nas estradas das parroquias do rural. Permitirá arranxar 37 pistas en 17 parroquias.

Aplicarase un dobre tratamento: un rego de adherencia máis un rego de selado. Nas zonas onde a vexetación invada a cuneta o esta se atope en mal estado realizaranse labores de roza nos noiros, ademais do perfilado e saneado das gabias, incluíndo a limpeza manual dos canos. Para estes traballos establécese un prazo de execución dun máximo de 4 meses.

A Barciela, Verdía e Conxo
A estas obras hai sumar o acondicionamento de pistas nas parroquias da Barciela, Verdía e Conxo. A intervención consiste na reposición de firmes e pavimentos, deteriorados polas inclemencias meteorolóxicas e polo propio desgaste do tránsito de vehículos.

Repararanse cinco pistas: 3 na Barciela, unha en Verdía e outra en Conxo. O prazo de execución máximo das obras é de catro meses e o orzamento total alcanza os 94.094 euros.

Abastecemento en Bornais
Finalmente, deuse conta da obra de substitución da rede de abastecemento no lugar de Bornais, na parroquia do Eixo. O incremento de poboación residente desta zona fai insuficientes as instalacións actuais polo que, para solucionar o problema do aumento de caudal na rede, substituirase a canalización de 63 milímetros de diámetro existente por outra de 110 milímetros. Tamén se instalarán accesorios como válvulas, bocas de rego e ventosas para garantir o bo funcionamento da rede.

Para estes traballos establécese un prazo de execución dun máximo de 4 meses. O custo das obras é de 148.777 euros.

Compartir: