FESTAS

"El burlador de Sevilla" reivindica na Quintana o teatro na rúa

17/07/2006 As Festas do Apóstolo continúan co seu programa de actividades, que se prolongará ata o o día 31 deste mes. De momento, os composteláns e turistas están respondendo á oferta ofrecida, mostra disto é que o pasado venres foron máis de 16.000 persoas as que se congregaron no Obradoiro para ser testemuñas de excepción do pregón que daba inicio ás Festas deste ano, da man de Manuel San Martín. Máis tarde, o concerto ofrecido por Rosa López, primeiro da súa xira, tamén despertou o interese dos presentes.

A oferta no día do luns 17 comeza ás cinco da tarde na Alameda cunha nova xornada de Ferradura Aberta, para os máis novos. E ás once da noite unha nova velada de Noites na Alameda.

A cita máis importante do día terá lugar ás dez da noite na Praza da Quintana, onde se representará a obra teatral "El burlador de Sevilla". A entrada é gratuíta. O Grupo de Teatro da Universidade Carlos III trae a Santiago unha adaptación da coñecida comedia de Tirso de Molina. A obra englóbase dentro do programa "Las Rutas de La Barraca", en homenaxe a Federico García Lorca.

A compañía está formada por universitarios e leva xa 16 anos representando todo tipo de obras teatrais. Dez actores son os encargados da posta en escea desta adaptación, que dura unha hora e media. Segundo sinala o director da obra, Pep Sanchís, "intentamos manter o espírito de Lorca respectando a posta en escea, aínda que él era más surrealista. Respectouse o concepto de escenografía e vestiario e a obra está chea de simbolismos".

A obra é interpretada dunha forma máis áxil co fin de adaptar o verso á época actual e está dirixida a toda clase de públicos, con especial atención aos adolescentes e aos maiores. Con esta obra reivindícase que "o teatro na rúa segue vivo e continúa emocionando á xente", indica Pep Sanchís.

Un clásico do teatro barroco español

No século XVII, Tirso de Molina fíxose eco dunha lenda popular, referida a un seductor nato, preocupado tan só da súa diversión e de burlarse de todo o mundo, sobre todo das mulleres. Nunca se namora, coma si o fai o Don Juan de Zorrilla. É un burlador e, máis aínda, de Sevilla.

Tirso adoptou este personaxe e o fíxoo protagonista dunha comedia que escribiu no ano 1615. Co tempo, o mito de Don Juan fíxose famoso no mundo enteiro.

Don Juan tómase a vida coma un xogo. Nunca se arrepinte dos lamentos que ocasiona nas mulleres. Búrlase da Igrexa, do sentido da xustiza, e encarna un dos soños máis antigos do ser humano: unha vida en absoluta liberdade.

XXVIII homenaxe ás Bandas Populares

Para o martes 18, ás 13:00 horas, está prevista a presentación no Teatro Principal da XXVIII Homenaxe ás Bandas Populares, que se celebrará o mércores 19. No acto estarán presentes o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, José Luis Bernal (Farruco) e Patricia Maceira, da Fundación Caixa Galicia.

Ademais, o programa de Festas para a xornada do martes presenta como prato forte a posta en escea na Quintana do Ballet de Folk Nacional de Rusia "Stravropol Cossacks", que representará o musical de Miguel Strogoff, "O correo do zar".

Trátase unha especial adaptación musical de Miguel Strogoff de Julio Verne, onde os nenos se introducen na máxica obra de Julio Verne e os maiores se somerxen nun acontecemento internacional único no mundo. O musical conta con 40 artistas de primeira élite mundial, dependentes do Ministerio de Cultura de Rusia. e orquestra en directo.

Compartir: