COMERCIO

Actividades gratuítas para os máis pequenos por mercar no comercio de Santiago

21/12/2013 Dentro do programa de Nadal da Concellería de Comercio, comezaron as actividades no Recuncho de Papá Noel. Instalado na Alameda de Santiago, acollerá ata o 24 de decembro un espazo lúdico para os máis pequenos no que, ademais de facerlle as súas peticións a Papá Noel en persoa, poderán participar de diferentes xogos.

O acceso é gratuíto presentando un tícket de compra de calquera pequeno comercio de Santiago de Compostela dese mesmo día. Aqueles que non dispoñan del poden adquirir a súa entrada por 1 euro.

Entre as actividades acollidas no Recuncho de Papá Noel están unha gardería inchable, Arte que xira, a Cabana de maquillaxe, a Piscina de pingüíns, Muxe a rena, High Striker, Attack, Cotton Candy ou Sli Bizzard. Xunto a elas atópase a Money Machine, unha máquina onde voan boletos con premios adquiridos ou doados polo pequeno comercio compostelán e cheques desconto nas súas tendas. Cada participante gaña os premios dos boletos que apañe. Despois do día 25 de decembro, a Money Machine trasladarase á pista de xeo da Alameda.

Outras actividades
Esta fin de semana, o Tren das Compras percorre de novo as principais rúas comerciais da cidade. As saídas son ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:30, 18:30 e 19:30 horas desde o Instituto Rosalía de Castro, pasando pola praza Roxa e polo CGAC.

Papá Noel tamén percorrerá a cidade en sidecar este sábado 21, parando en diferentes puntos da cidade como a praza de Abastos, a Alameda ou a praza Roxa. A exposición-espectáculo Ver para crer, do Mago Romarís, pode visitarse no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A pista de xeo continúa sendo a estrela da programación do Nadal. Abre para todos os públicos en horario de mañá e tarde. Pero ademais, os venres e os sábados, a pista acolle sesións nocturna, con música e luces, dende as 23:00 ata as 2:00 horas.

O folleto co programa completo das actividades de #nadalamos pode xa recollerse na Oficina de Información Turística e nos comercios da cidade. Ademais, tanto na páxina de Facebook, Facebook como na conta de Twitter, ofrecese diariamente información sobre as actividades. Igualmente convídase a todos a empregar o hashtag #nadalamos para compartir o Nadal compostelán.

Concurso de Beléns
Composteláns e compostelás están xa a participar activamente na selección dos gañadores do III Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal, elixindo aos seus preferidos na páxina de Facebook de Nadalamos, que xa ten recibido preto de 3.000 votos. As votacións péchanse este sábado 21 e o luns 23 o Concello fará públicos os nomes dos gañadores.

Compartir: