CULTURA

"Viaxe a Dadá" e "Conto de Nadal", dúas propostas familiares para a fin de semana

20/12/2013 O ciclo Infantil e Familiar trae este Nadal a Compostela dúas obras de teatro: Viaxe a Dadá e Conto de Nadal. A primeira representarase na Zona C o sábado 21, ás 17:00 e ás 18:30 horas, e o domingo 22, ás 12:30 e 17:30 horas. A segunda proposta terá lugar o domingo 22, ás 12:30 horas, no Teatro Principal.

Viaxe a Dadá é un proxecto de Teatro da Semente para bebés de 0 a 3 anos e pais/nais acompañantes. Esta proposta é "sementar para recoller, sementar para que nazan flores, sementar para (re)coñecer a vida e descubrir o mundo. Entremos no faiado da infancia, subámonos a Dadá, o noso cabaliño de madeira, e viaxemos xuntos polas lembranzas da nenez, entre xogos e cantigas".

Teatro da Semente está formado por Chus Álvarez e Raquel Queizás, ambas actrices e contacontos. Chus Álvarez é, ademais, técnica superior en Educación Infantil.

Conto de Nadal é unha proposta de Paula Carballeira baseada no texto de Charles Dickens. Despois de Pedro e o lobo, a Banda Municipal de Música e Paula Carballeira volven colaborar con esta adaptación do famoso A Christmas Carol de Charles Dickens, publicado por primeira vez hai 170 anos.

A narración da historia fiarase tamén a través de composicións musicais con referentes anglófonos como panxoliñas, cancións populares, e as pezas de Holst, ademais de composicións de Grieg, Mussorsky, Orff ou Sibelius. Esta historia de pantasmas cóntanos o que lle aconteceu ao tacaño señor Scrooge, que dedicou todas as súas forzas a buscar a riqueza sen decatarse de que a súa vida se volvía cada vez máis triste e solitaria, ata que, un Nadal, recibiu unha visita inesperada.

A entrada é de balde previa retirada de convites na billeteira do Principal.

Compartir: