CENTROS SOCIOCULTURAIS

Finaliza a segunda edición de Compostela Cine Classics con case 2.400 participantes

20/12/2013 A Concellería de Centros Socioculturais fai balance do bo desenvolvemento da segunda edición do programa educativo Compostela Cine Classisc, iniciado en setembro e finalizado esta mesmas semana cun obradoiro infantil. Esta proposta quixo achegar aos centros socioculturais o feito cinematográfico dende un punto de vista educativo global, mesturando a proxección de filmes con coloquios, faladoiros de expertos, obradoiros creativos, actividades musicais e a exposición temática Os cines de Compostela.

O programa facilitou a proxección de dez películas dedicadas a grandes directores cinematográficos do século XX, con debates posteriores que foron seguidos con moito interese. Máis de 1.000 espectadores asistiron aos pases realizados na Sala Agustín Magán, no Centro Sociocultural de Santa Marta. Ademais, sumados os participantes nas actividades musicais, nos obradoiros, nos faladoiros con expertos e nas visitas rexistradas á exposición Os cines de Compostela, o programa deixa unha participación de 2.388 persoas

As actividades desenvolvéronse tanto na Sala Agustín Magán como noutros espazos socioculturais como os centros socioculturais das Fontiñas e do Ensanche, onde esta mesma semana finalizou o obradoiro infantil Pequenos cineastas, rodamos unha peli.

A boa acollida deste programa xa alenta a preparación da vindeira edición de 2014. Mentres tanto, a partir do luns 23 de decembro, na Casa das Asociacións de Cornes pode verse parte da exposición Os cines de Compostela. O horario de apertura é de martes a venres de 17.30 a 20.30 horas.

A Concellería de Centros Socioculturais expresa o seu agradecemento a todos os colaboradores particulares e institucionais que fixeron posible este proxecto compartido, así como aos veciños e veciñas participantes na recollida de testemuñas para o vídeo da exposición Os cines de Compostela.

Compartir: