FESTAS

Os Bolechas acompañarán os Reis Magos nunha cabalgata con novas carrozas

20/12/2013 O concelleiro de Festas e por segundo ano carteiro real, Francisco Noya, presentou o espectáculo de fin de ano e a cabalgata de Reis. O primeiro volverá incluír as tradicionais uvas e a pirotecnia no Obradoiro para acompañar as badaladas da Berenguela, así como a música da orquestra Trébol. En canto á chegada dos Reis Magos a Compostela, protagonismo especial deste vez para a Banda Municipal e para Os Bolechas.

Como vén sendo tradición dende 1999, o ano pecharase cun espectáculo de luz, pirotecnia e cor, acompañado dunha actuación musical, neste caso da orquestra Trébol, que comezará a tocar ás 23:30 horas, para continuar logo das badaladas da Berenguela. Estas serán retransmitidas por segundo ano pola Televisión de Galicia e a Radio Galega dende os balcóns do Pazo de Raxoi.

Para os que queiran vivir este fin de ano dende a praza do Obradoiro, repartiranse 1.000 bolsas de cotillón e 1.000 bolsiñas de uvas da sorte. O concelleiro agarda unha afluencia importante de público, tal como vén sucedendo nos últimos anos. O orzamento desta festa de fin de ano é de 16.000 anos, moi similar ao do anterior Nadal.

Concerto de Reis
A chegada pola tarde dos Reis Magos a Compostela o 5 de xaneiro estará precedida este ano dun concerto especial matinal no Teatro Principal da Banda Municipal de Música. Será unha sesión con temática infantil, na que soarán músicas de filmes como Harry Potter, Mary Poppins ou O Mago de Ozz, segundo adiantou o director da Banda, Juan Miguel Romero Llopis.

O concerto comezará ás 12:00 horas e a entrada é de balde, previa retirada de invitacións na billeteira do Teatro Principal (dispoñibles a partir do luns 30 de decembro). Ademais, os nenos e nenas que aínda non entregaran as súas cartas aos Reis Magos, poderán facelo alí no Principal, xa que estarán o carteiro real e os seus paxes.

Xa pola tarde, a Banda Municipal tamén será parte musical importante da Cabalgata. Ademais, o director da formación convidou as familias a participar no concerto que se celebrará este domingo 22 de decembro, tamén no Principal, ás 12:30 horas, titulado Conto de Nadal. Paula Carballeira colabora coa Banda na adaptación do famoso relato de Charles Dickens.

Cabalgata de Reis
Francisco Noya tamén anunciou que os Reis Magos chegarán de novo en tren a Compostela a iso das 17:30 horas. Na estación serán recibidos polo carteiro real e pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago. Ás 18:00 horas partirá a cabalgata, que seguirá o percorrido habitual: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez, Praterías e praza do Obradoiro.

Este ano, as Súas Maxestades irán en carrozas de estrea. Tamén serán novas as que as acompañen: a da estrela real de Oriente, a do carteiro real e a casiña das chucherías. As comitivas de Melchor, Gaspar e Baltasar estarán encabezadas por escuadróns de cabalos e rodeadas de heraldos.
En total, haberá máis de 200 figurantes, aos que se unirán uns 200 nenos e nenas máis a bordo dun autobús antigo, das carrozas e dos dous trens turísticos. Unha charanga amenizará o percorrido con música de Nadal. E por suposto, os Reis repartirán ata 3.000 quilogramos de caramelos sen glute entre os rapaces e rapazas ao longo do desfile.

Como novidade este ano, Os Bolechas formarán parte da cabalgata, realizando o percorrido nun autobús descuberto. Logo, mentres os nenos agarden para formularlles as súas peticións aos Magos, estes personaxes animarán a praza do Obradoiro. Haberá photocall, karaoke e outras atraccións.

Os Reis Magos chegarán en torno ás 19:30 horas á praza do Obradoiro. Alí estará agardándoos a Banda Municipal e serán recibidos polo alcalde, Ángel Currás, e a Corporación. Dende os balcóns de Raxoi saudarán os rapaces, para logo recibilos, un a un, no salón vermello.

No capítulo de agradecementos, o concelleiro tivo un moi especial para Comercial Veiras, que leva máis de 30 anos colaborando coa Cabalgata de Reis. Unha edición máis, esta firma compostelá achegará os tractores e os condutores que levarán as carrozas. Tamén agradeceu a colaboración de El Corte Inglés coa carroza do carteiro real e co reparto de caramelos.

O orzamento da Cabalgata de Reis é de 51.500 euros, 3.000 euros menos que o pasado ano.

Compartir: