DEPORTES

Santiago estrea a súa San Silvestre para pechar a temporada atlética

19/12/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a primeira edición da San Silvestre de Santiago, unha proba que pretender culminar dunha forma sa e festiva o ano atlético na cidade. A carreira celebrarase o martes 31 de decembro ás 17:30 horas, con saída na avenida Antonio R. Ibáñez (Campus Vida) e chegada na Porta dos Leóns da Alameda.

Santiago de Compostela incorpórase así á tradición destas carreiras para rematar ao ano, como acontece con probas como a San Silvestre Vallecana (Madrid). Ademais, segundo indicou o edil, a elección do entorno quere ser unha homenaxe a todos aqueles atletas que ao longo do ano adestran na Alameda e no Campus Vida.

A proba terá dúas categorías: unha escolar, para os nados entre 1999 e 2002, e outra de adultos, para os nados antes de 1999. Todos partirán dende o Campus Vida nunha única saída para percorrer uns catro quilómetros nun percorrido aínda por pechar. O regulamento será o da Federación Galega de Atletismo, encargada igualmente do control técnico da proba.

A inscrición é de balde para os nenos e nenas e ten un prezo de 5 euros para os adultos. Debe formalizarse fisicamente no Multiusos Fontes do Sar ou no Pavillón de Santa Isabel, ou a través da web da Federación Galega de Atletismo ou de Atletismo Galego. O prazo de inscrición péchase ás 22:00 horas do 28 de decembro. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Direccións relacionadas



Compartir: