COMERCIO

Actividades de dinamización comercial na rúa Nova e no Ensanche durante este Nadal

19/12/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou varias accións de dinamización comercial para este Nadal ás que o Concello presta o seu apoio. Trátase das promovidas polos comerciantes e hostaleiros da rúa Nova e das previstas pola Fundación Santiago Centro.

Este sábado 21 de decembro, realizaranse na rúa Nova e nas súas inmediacións (Xelmírez, Tras Salomé, Entrerrúas e Cantón do Toural) diversas actividades co ánimo de dinamizar a zona e celebrar a chegada do inverno e das festas do Nadal. Entre estas salientan as que teñen que ver co padal xa que, a partir das 17:00 horas, haberá chocolate con churros de balde para todos. Ofrecerano nas súas terrazas os seguintes establecementos: Rúa Bella, Rhin, Copas Rotas, La Tita e Bendaña.

Ademais, a Crepería Saint Jaques ofrecerá degustación gratuíta das súas crêpes. Para iso dispón dunha bicicleta especialmente acondicionada para preparar as crêpes fóra do seu local.

Xa no eido musical, o grupo Trópico de Grelos actuará tanto pola mañá como pola tarde, desfilando polas rúas. E as alumnas do Ximnasio San Clemente realizarán dous pases de baile pola tarde, dirixidas pola profesora Gail Brevitt.

A isto hai que sumar un mercado solidario organizado por SOS Animalia e a presenza dun grupo de voluntarios que se encargará de repartir abrazos para felicitar o Nadal e para informar sobre as actividades deste 21 de decembro.

Ademais, cómpre resaltar que os establecementos comerciais e hostaleiros da zona puxeron especial coidado en adornar e iluminar os seus escaparates e fachadas para crear ambiente de Nadal.

Nadal no Ensanche
Por outra parte, a Fundación Santiago Centro preparou unha serie de accións para dinamizar e animar a zona comercial do Ensanche durante a campaña de Nadal. O presidente da entidade, José María Fernández, acompañou a concelleira na presentación destas actividades, que se desenvolverán do 19 de decembro ao 6 de xaneiro.

Ademais do fío musical que envolverá de Nadal estas xornadas, instalouse un punto para recollida de xoguetes e alimentos. Os cidadáns poden acudir a Xeneral Pardiñas, nº 30, en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas para facer a súa achega. A recollida de xoguetes faraa a Fundación San Vicente de Paúl e a dos alimentos correrá a cargo da Fundación Amigos de Galicia en colaboración con Down Compostela.

Tamén está prevista unha acción de rúa, na que personaxes propios do Nadal percorrerán as rúas repartindo folletos informativos das actividades. Nestes impresos aparecen todos os comercios que participan na campaña, así como as bases dun sorteo que se realizará ante notario o 20 de xaneiro.

Os comercios participantes na campaña abrirán as súas portas ata as 22:00 horas o luns 23 de decembro e o sábado 4 de xaneiro, dando así a oportunidade aos clientes de poder realizar as súas compras con tranquilidade nun horario mais amplo. Os establecementos participantes serán facilmente identificables grazas a unha alfombriña situada na entrada.

Todo aquel que merque nos establecementos participantes por un importe superior a 10 euros recibirá unha rifa para entrar no devandito sorteo dun soldo de 100 euros ao mes durante un ano para gastar nas tendas asociadas a Santiago Centro.

Compartir: