MOBILIDADE

Alumnos de Xeografía coñecen o funcionamento da sociedade municipal de xestión do transporte urbano

18/12/2013 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, recibiu os alumnos da Facultade de Xeografía, que realizaron unha visita ás instalacións de TUSSA para coñecer o funcionamento da sociedade municipal de transporte urbano.

No transcurso da visita, o concelleiro explicóuselle aos alumnos e alumnas que a empresa municipal TUSSA nace no ano 1999. O seu carácter público (100% capital municipal) fai que os seus obxectivos redunden na nosa cidadanía de maneira directa.
Entre os seus fins principais destacan: ordenación e control do tráfico urbano, política de aparcamentos e xestión dos aparcamentos en vías urbanas e en recintos exclusivos, xestión da estación de autobuses así como en xeral a mobilidade da cidade.

En definitiva, é obxecto da empresa a instrumentación das políticas de transporte que serven ás necesidades da cidade. Isto inclúe a administración a través dos medios habilitados pola normativa vixente do transporte urbano colectivo, tanto sexa de superficie como soterrado ou aéreo, calquera fose o tipo de vehículo, o seu medio de tracción ou emprazamento.
Dende o inicio da súa andaina no ano 1999, TUSSA confeccionou o primeiro prego de transporte urbano, que comezou no ano 2001 e que se volveu a redactar no ano 2005.

A Sociedade Municipal TUSSA realiza as seguintes actividades:

• Dende o 2001 xestiona de forma directa o aparcadoiro vixiado de Xoán XXIII, froito da encomenda de xestión realizada polo Concello.

• No ano 2004 encargóuselle por parte do Concello, e mediante encomenda de xestión, a explotación da superficie de Belvís e da dársena de autobuses de Xoán XXIII.

• En 2005, o Concello cedeu a TUSSA a concesión da explotación do servizo público da estación de autobuses.

• En 2010, a Sociedade acometeu a obra de construción do aparcadoiro de borde de Santa Marta, logo de que o Concello adscribira a TUSSA os terreos necesarios para facelo. A actividade iniciouse a principios de xullo de 2010.

• Nese mesmo mes, o Concello concedeulle a explotación do aparcadoiro de borde de Salgueiriños por un período de cinco meses. Do período inicial de 5 meses pasouse a prórrogas anuais.

Compartir: