ENTREVISTA

Marta Álvarez-Santullano: "A nosa é unha web aínda nova, moi completa e aberta ás achegas dos usuarios"

17/07/2006 O portal municipal vén de ser recoñecido por el xornal El País como unha das dez mellores webs municipais de España e a mellor de Galicia. A concelleira de Reforma Administrativa, Marta Álvarez-Santullano, valora este feito e os proxectos para seguir a mellorar a páxina e os seus servizos.

- Máis de 60 mil visitas ao mes á web municipal... En relación ao número de habitantes, este indicador amosa que os composteláns son a nivel estatal dos máis asiduos á web do seu Concello: ¿que valoración se fai desde o equipo de goberno fronte a ese desafío?

- Non se trata só das 60.000 visitas, senón que tamén estamos moi satisfeitos da participación dos cidadáns a través do servizo de Atención Cidadá, que constantemente usan esta vía para comunicarse en substitución doutras, como pode ser o teléfono. Ademais, outro factor que creo incentiva moito as visitas é que o cidadán pode entrar e atopar unha información permanentemente actualizada: nas noticias, na axenda, nas convocatorias... Estes indicadores non fan outra cousa que impulsarnos a seguir traballando nesa tarefa de informar ao cidadán.

- ¿Como é a relación cos cidadáns a través da rede? ¿que percepción hai dende o Concello, vía correo electrónico e por outras canles, da avaliación que os veciños fan da web municipal?

- Recíbense moitas mensaxes en Atención Cidadá, normalmente moi construtivas, con propostas de mellora ou simplemente comentarios sobre aspectos a mellorar. Ademais existe un libro de visitas e un foro no que tamén calquera cidadán pode formular as súas suxestións.

Por outra parte, eu destacaría que o noso é unha web aínda nova, sobre todo respecto á incorporación de servizos en liña, e moi completa, polo que é inevitable que de vez en cando se detecte algún erro de funcionamento ou oportunidade de mellora, que intentamos solucionar á maior brevidade posible. Neste sentido é moi importante a achega dos usuarios, xa que eles mesmos fan progresar o servizo.

- ¿E como valora este novo recoñecemento, do informe de El País, á web compostelá?

- Non podo negar que estamos moi satisfeitos e que atopamos neste informe unha motivación para seguir traballando, incrementando o número de servizos e tratando de mellorar os actuais. Temos progresado moito nestes anos (pasamos do vixésimo primeiro lugar de 2005 ao oitavo deste ano), pero agora debemos consolidarnos e, como dicía, mellorar permanentemente.

- ¿Que metas se puxera o Concello de Santiago á hora de decidir o impulso da súa presencia en internet?

- Por unha banda, o obxectivo dun portal web é aproveitar as novas tecnoloxías para crear unha nova canle que permita unha comunicación máis áxil co cidadán, facéndose accesible as 24 horas do día, prestando novos servizos e, sobre todo, facilitando a súa participación. É por iso que dende a Concellaría de Reforma Administrativa se vén tratado de conseguir que, mediante o uso das novas tecnoloxías e proxectos como a Oficina de Atención ó Cidadán, este conte con puntos de contacto únicos que poidan resolver todas as súas necesidades, e que a información sexa corporativa e accesible dende todos os departamentos implicados na prestación dun servizo. Neste contexto, o Portal non deixa de ser un elemento visible dentro desta política de traballo, ó mesmo tempo que sirve como impulsor de proxectos e iniciativas neste senso.

- Cara ao futuro, ¿que obxectivos se marca?

- Os obxectivos son diversos, como por exemplo traballar na navegabilidade e na facilidade de localización de información, así como na accesibilidade. Tamén estamos preparando novos servizos na carpeta cidadá e na implantación de solucións baseadas no uso de certificado electrónico, DNI... E nesta liña de mellora tecnolóxica, outra das nosas metas e incrementar as canles de comunicación (uso de móbil, correo electrónico, servizos RSS...).

Compartir: