COMERCIO

Casetas con fins sociais na Alameda

13/12/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis anunciou esta mañá en rolda de prensa que durante este Nadal se instalarán no paseo central da Alameda, antes da xa estreada pista de xeo, sete casetas nas que difundirán as súas actividades diversas entidades de carácter social, e nas que tamén se recollerán alimentos, roupa e xoguetes.

Teñen confirmada a participación nestes espazos os seguintes colectivos: Epilepsia, 12 e 13 de decembro en horario de tarde; Asociación Galega de Lupus (AGAL), 27 de decembro e 3 de xaneiro, mañá e tarde; TP Galicia, 19 (tarde), 23 (todo o día) e 30 de decembro (tarde); Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía (AUSOCHUS), 19 e 26 de decembro, de 17:30 a 19:30 horas; e Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER Coruña), 17, 19 e 23 de decembro e 3 de xaneiro. A concelleira animou a outras entidades que queiran facer uso destas casetas que se poñan en contacto co seu Departamento.

Ademais, outras tres entidades -Fundación San Vicente de Paúl, Fundación Amigos de Galicia e Down Compostela- teñen prevista unha acción solidaria para a recollida de alimentos, roupa e xoguetes. Dúas casetas utilizaranse para este fin.

Ademais, contactouse con Artesanía de Galicia para a realización de demostracións e venda nas casetas cando non estean ocupadas polas entidades sociais. Todo isto, segundo indicou Reyes Leis, co obxectivo de "converter a Alameda no epicentro do Nadal en Santiago".

No corazón do teu barrio
Por outra parte, xa remataron os castings da campaña de dinamización No corazón de teu barrio, que se está desenvolvendo no mes de decembro dentro do Urbana Santiago Norte, programa cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo europeo de Desenvolvemento. As catro persoas elixidas para ser a imaxe final da campaña coñecerase a vindeira semana.

As persoas que mellor coñecen o comercio dun barrio son os seus propios veciños, polo que o obxectivo da campaña é aproveitar a súa experiencia para que conten as súas principais calidades. Baixo o slogan No corazón do teu barrio realizáranse catro castings en catro centros socioculturais do ámbito de actuación do Urbana Santiago Norte, onde se convidou aos veciños a participar para seren a imaxe promocional dos comercios do seu propio barrio.

Os máis de 30 veciños participantes gravaron un pequeno vídeo explicando as calidades do comercio do seu barrio e realizaron unha pequena sesión de fotos. As catro persoas que resulten finalmente seleccionadas recibirán como agasallo un iPad mini.

Unha segunda fase da campaña consistirá na distribución de carteis polos barrios e postais promocionando o comercio da zona, así como unha campaña publicitaria en prensa local, mupis ou autobús urbano nos propios barrios, para estimular as compras dos veciños no seu entorno.

A súa vez, como acción de street marketing nos diferentes barrios, colocarase un globo na porta de cada comercio co slogan da campaña No corazón do teu barrio, co obxectivo de chamar a atención dos viandantes e promover os propios establecementos, que en moitas ocasións non son só un motor económico senón un punto de referencia e de servizo, no senso da palabra máis amplo posible, para toda a veciñanza.

Realizarase así mesmo unha campaña en redes sociais onde se convide aos veciños a subir vídeos onde se fale das calidades positivas dos seus barrios para incentivar a implantación de novos negocios ou para comprar no entorno. Isto converterá a campaña en viral e alcanzarase un maior número de impactos.

Compartir: