NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Auditorio acolle este sábado unha representación familiar de "O Crebanoces"

13/12/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron o espectáculo O Crebanoces, que se representará mañá sábado, ás 18:30 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Participou tamén na rolda de prensa a actriz protagonista do espectáculo, Larraitz Urruzola.

O Crebanoces é un espectáculo de monicreques inspirado no coñecido conto de Nadal de Hoffmann e acompañado pola música de Tchaikovsky. Dirixido a público familiar, é a novidade deste ano da programación de Nadal en Rede, que chega aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística co apoio da Deputación da Coruña. Ten unha duración aproximada de 50 minutos. A entrada é de balde ata completar a foro de 400 prazas da Sala Mozart.

A representación corre a cargo de monicreques de mesa con manipulación mixta (siluetas, obxectos e outros). No espectáculo soa completa a suite de O Crebanoces de Tchaikowsky. Durante a execución da música hai pantomimas dos bonecos, e entre unha e outra parte musical hai escenas con partes faladas dos bonecos e narracións cara o público.

A actriz e titiriteira Larraitz Urruzola é a encargada da interpretación. Con máis de 20 anos de experiencia en espectáculos de títeres, forma parte da compañía Babaluva dende 2008. No seu percorrido profesional traballou tamén con Buratini, Cachirulo, Teatro do Liló, Os Quinquilláns e coa produtora Lúa Films no personaxe Pencas para o programa emitido na TVG Planeta Fantasía.

Terceiro espectáculo este mes da RDL
Lembrou Rebeca Domínguez que este será o terceiro espectáculo da Rede de Dinamización Lingüística que chegue neste mes de decembro a Santiago, tras Os Axóuxeres e Acuario, ambos con grande acollida. Ademais, a Concellería de Normalización Lingüística puxo en marcha a súa propia actividade de Nadal, o Concurso de Cartas de Reis.

Documentos relacionados



Compartir: